O Concello de Soutomaior, a través da Concellería de Mocidade, puxo en marcha o programa "InfoExpress" para achegar a información á mocidade matriculada nos centros educativos do municipio, tanto no IES de Soutomaior como no Colexio Santiago Apóstol.
O punto de información itinerante estase a desprazar a estes centros coa intención de crear espazos seguros onde a información chegará a mocidade de xeito fiable e directo para que poidan estar ao día de todas as actividades ou campañas das que poidan beneficiarse.
Este mércores o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e a técnica de Cultura do Concello, Sonia Pintos, participaron nesta iniciativa, entregaron formularios para facer de maneira directa e desde o centro o Carné Xove e tamén levaron a programación da Festa da Ostra e presentaron a nova edición de Noctámbulas.
3º EDICIÓN DE NOCTÁMBULAS
Unha nova edición de Noctámbulas, e xa van tres, aterra no mes de abril no Concello de Soutomaior. Un programa dirixido á mocidade de entre 12 a 30 anos que se desenvolverá os sábados 13 de abril, 27 de abril, 4 de maio e 18 de maio en horario de 20 a 23 horas.
O obxectivo deste programa é o de encher de contidos saudables o tempo libre e de lecer dos sábados da mocidade que o desexe.
Unha edición que aterra con moitas novidades, o sábado 13 de abril os videoxogos invaden a noite en Noctámbulas!. Outra das actividades será "Paint in the dark" un taller de pintura fluorescente a escuras.
O sábado 27 de abril chegará o Rastrexo Urbano "O caso da imprenta Gutemberg" con actividades de aventura na rúa.
O sábado 4 de maio haberá campionatos Multideporte e xogos de habilidade como Archery combat, futbolin humano, Lacrosse, fútbol, baloncesto, relevos, "escondite inglés", entre outras propostas.
E o sábado 18 de maio será a quenda dun Escape Game "A casa encantada", na Casa da Cultura de Soutomaior.
Todas as actividades son de balde, os interesados en participar soamente teñen que ter o seu carné de Noctámbulas que poden solicitalo previamente na OMIX (Oficina Municipal de Información Xuvenil) ou directamente no mesmo lugar da actividade.