A participación dos galegos nas eleccións autonómicas deste domingo aumentou durante a tarde. Fronte a unha mañá con pouca mobilización, finalmente o segundo balance realizado ás 17.30 horas, revela que a participación subiu seis puntos en Galicia, situándose no 49,17%.
As festas de fin de Entroido pasaron factura á mañá, pero, unha vez recuperadas as forzas os galegos acudiron a votar a partir de mediodía.
Ata as 17.00 horas votaran 1.09.010 galegos, 6,2 puntos máis que os 959.987 e a participación do 42,97% que se viviu a esta hora nas autonómicas de 2020.
Na provincia de Pontevedra, esa participación é mesmo lixeiramente superior á media galega, situándose no 49,34%. Supón 5,74 puntos máis que catro anos antes.
Ata as 17.00 horas votaran 381.684 pontevedreses.
MENOS PARTICIPACIÓN POLA MAÑÁ
No primeiro balance de participación do mediodía debuxábase un panorama moi diferente, cunha caída de máis de dous puntos con respecto aos comicios de 2020.
Ás 12.00 horas situábase no 17,09 %, isto é, 2,3 puntos menos que á mesma hora de 2020, cando fora do 19,42 %.
Segundo a información facilitada polo director xeral de Interior e Emerxencias, Santiago Villanueva, emitíronse uns 376.639 votos ata o mediodía.
Pontevedra é a provincia na que máis descendeu. A caída foi de 3,21 puntos, sitúase no 16,64%. Ata o mediodía emitíronse 28.303 votos.
Lugo é a provincia onde menos caeu a participación, menos de medio punto (0,45). En Ourense a baixada foi de 2,42 puntos. Na Coruña o descenso é de 2,06 puntos.
Con todo, é superior o voto do exterior. Unhas 29.300 persoas emitiron o seu voto desde o exterior, unha participación do 6,15 % . En 2020 a participación dos votantes do CERA foi de apenas o 1,2.