A mobilización contra o Parque Eólico dos Cotos será o domingo 9 en Carballedo

Cerdedo-Cotobade
29 de decembro 2022
Actualizado: 18:06

O alcalde remite unha carta de queixa á directora xeral de Planificación Enerxética por activar o proceso en datas do Nadal

Asemblea veciñal para analizar o parque eólico dos Cotos
Asemblea veciñal para analizar o parque eólico dos Cotos / Cristina Saiz

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, acaba de presentar ante a Subdelegación do Goberno en Pontevedra a comunicación previa para lograr a autorización para a mobilización veciñal convocada para o domingo 9 de xaneiro ás 12 do mediodía na Chan de Carballedo contra a posta en marcha do Parque Eólico dos Cotos.

Asemade, o alcalde de Cerdedo-Cotobade remitiu unha dura carta á directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría Traba, na que lle recrimina o momento elixido para sacar a exposición pública a modificación do proxecto presentado pola empresa promotora do parque eólico en plenas datas de Nadal "cando non facía falla tanta présa xa que o Goberno de España acaba de aprobar unha moratoria ata xaneiro do ano 2023", reprochou Jorge Cubela.

O rexedor considera "innecesaria tanta présa xa que podería levar igualmente unha tramitación axeitada uns días despois de pasar as datas de Nadal e non ter que andar agora a correr coas dificultades que impoñen estes días onde hai máis problemas de disponibilidade por parte de todo o mundo", sinalou Cubela.

CUBELA CONVIDA TAMÉN AOS VECIÑOS E PONTE CALDELAS A MOBILIZARSE

Pola súa banda o alcalde, Jorge Cubela, manifestou o seu desexo de que esta primeira mobilización veciñal conte co maior número de persoas posibles e "non so das parroquias directamente afectadas como son as de Borela, Carballedo, Rebordelo e Loureiro senón tamén doutros lugares de todo o concello e mesmo dos veciños dos concellos veciños que, como no caso de Ponte Caldelas, tamén se verán afectados por este proxecto a través das liñas de evacuación de alta tensión que discorrerán por diferentes pobos deste municipio".

Cubela mantén un estreito contacto cos técnicos municipais e a empresa Tysgal, especializada en temas medioambientais, co fin de presentar en tempo e forma as alegacións correspondentes a este proxecto presentado pola firma enerxética que impulsa o proxecto do Parque Eólico dos Cotos. 

RESPOSTA DO BNG

O BNG entende que Cubela tenta "criminalizar a xuntanza prevista" do deputado Luís Bará en Borela este xoves ás 20.30 horas coa veciñanza e desde a formación nacionalista indican que o acto será seguindo a actual lexislación e recomendación das autoridades sanitarias.
 
 Tamén lembran que hai uns días, Cubela citou ás comunidades de Montes afectadas polos Eólicos dos Cotos esquecendo á de Viascón, que preside Ernesto Filgueira, portavoz local do BNG, cuna asemblea prevista para o 7 de xaneiro á que non convidaron ao BNG "esquecendo a unidade de acción".
 
Desde este partido indican ao alcalde que a única pretensión é loitar contra "o espolio e a impunidade das enerxéticas, en clara conivencia co Partido Popular, que queren facer das nosas parroquias un "Polígono Empresarial"" e acusan o rexedor de querer ocultar as accións do Bloque.
 
Arquivado en