O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) realizou un proxecto piloto sobre variedades locais de millo para obter un pan de alta calidade. A investigación iniciábase en 2019 coa participación da Misión Biolóxica de Galicia (MBG), con sede en Salcedo; a Universidade de Santiago e a Cátedra do Pan e do Cereal e panadería Da Cunha, financiada de fondos europeos, no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia.
O motivo desta investigación atópase na diminución de consumo do pan de millo, produto tradicional galego. Coas novas tendencias alimentarias recuperouse a necesidade de volver traballar este pan, pero as fariñas para a súa elaboración proceden de variedades de Francia e Portugal, ao perderse patrimonio vexetal galego.
Por esta causa, púxose en marcha este traballo para obter millo autóctono de calidade, protexer variedades autóctonas e recuperar o cultivo desta gramínea para favorecer o consumo de fariñas de baixo índice de glute.
Para levar a cabo o proxecto seleccionáronse variedades de millo atendendo ás súas calidades agronómicas. Nesta fase a Misión Biolóxica a través do grupo Xenética e Mellora de Millo cultivou, analizou e seleccionou as variedades panificables.
Desta forma avaliáronse catorce opcións de millo amarelo, branco e negro do banco de xermoplasma da MBG, unha iniciativa iniciada en 1970 e que recolle un centenar de variedades de Galicia. Realizáronse ensaios durante dúas campañas en Pontevedra (ecolóxico e convencional), Ponte Caldelas, Ribeira, Carral e Xinzo de Limia.
Rosa Ana Malvar, xefa do grupo Xenética e Mellora de Millo, afirma que "Oubiña Negra", unha variante de millo negro, ofreceu un rendemento moi bo superando as 8,5 toneladas por hectárea nas localidades de Ponte Caldelas e Pontevedra. Entre as variedades amarelas, os mellores rendementos lográronse con "Osoro", pero con datos similares á poboación "Tuy", que ten menor humidade na recolección, facilitando a súa conservación e procesamento.
Esta variedade amarela "Tuy" foi a que obtivo tamén moi boa calidade panadeira tras superar a fase de elaboración. De "Oubiña Negra" aínda se descoñecen todos os parámetros de calidade. Segundo indican as persoas responsables de investigación "o principal logro é a elección de variedades de máiz de distintas características adaptadas a distintos ambientes, que axudará a diversificar o campo galego facéndoo máis rendible e sostible".
O proxecto piloto tamén permitiu elaborar pans a partir das variedades seleccionadas coa consecuente análise das características nutricionais, físicas e organolépticas do produto final. A proposta permite fomentar un cultivo de variedades de millo panificable e sustentable, recuperando a aposta por un produto tradicional como o pan de millo.