O vicepresidente da Deputación César Mosquera e o representante do Concello de Pontevedra, Jesús Gómez Viñas, reuníronse este xoves coa ministra sueca de Medio Ambiente, Karolina Skog no marco do encontro "Mobilidade e Comportamento" organizado pola asociación sueca Gröna Bilister na cidade de Eskilstuna.
Skog coñeceu o traballo feito na cidade de Pontevedra e que a Deputación está estendendo na provincia, e mostrouse sorprendida tanto pola redución do tráfico no núcleo urbano da capital, polo descenso da sinistralidade –con cero mortos e poucos feridos de gravidade ao aplicar medidas de calmado do tráfico como as do Plan Móvese-, así como polo uso dos espazos públicos como lugares de socialización nos que as persoas, principalmente os nenos, son o elemento central das políticas de deseño urbano.
Mosquera e a política sueca intercambiaron impresións sobre a necesidade de que a cidadanía perciba que os espazos son un dereito universal como a educación ou a saúde. Skog louvou a aposta de incorporar á infancia á hora de planificar urbanísticamente as cidades. Neste sentido, destacou o grande número de escolares que van camiñando sós á escola, un obxectivo que nestes momentos tamén é perseguido por moitas cidades suecas.
Preguntado pola ministra sobre o procedemento aplicado para transformar unha cidade chea de coches noutra con prioridade para as persoas, Mosquera instou á política a actuar de xeito global e valente xa que, segundo dixo, "cando a xente ve os beneficios de gozar do espazo publico o éxito do modelo está garantido".
Salvando as distancias e diferencias entre as cidades suecas e as pontevedresas, Skog asegurou que o de Pontevedra é un modelo a seguir e manifestou o seu interese en trasladarse personalmente para coñecer a provincia e ver in situ o traballo feito.
"VELOCIDADE E CALIDADE URBANA SON INCOMPATIBLES"
No seu relatorio deste xoves Mosquera explicou que grazas ao traballo feito en Pontevedra aprendéronse varias leccións para aplicar o modelo noutras cidades e vilas. A primeira, dixo, é que as solucións técnicas existentes funcionan ben cando se teñen as ideas claras e os obxectivos son globais ; que gañar a cidade para a xente é tan valioso que non necesita máis compensación máis que ese obxectivo en si mesmo; e, finalmente, que a velocidade e a calidade urbana son incompatibles.
Pola súa banda, o voceiro da asociación Grona Bilister, Martín Prieto, explicou que o congreso de mobilidade no que participan Deputación e Concello, baixo o título "Mobilidade e Comportamento", sempre tivo nas súas edicións anteriores un invitado estranxeiro. "Buscamos exemplos no mundo e atopamos que a cidade de Pontevedra tiña traballado con esta temática durante moito tempo con resultados exitosos. Aínda que en Suecia en xeral non se coñece Pontevedra, decidimos invitalos –a Deputación e Concello- e con sorte aceptaron a nosa invitación", indicou.
Prieto explicou que a ponencia foi moi ben recibida entre o publico e tamén entre os outros relatores que "estaban realmente sorprendidos" polos logros que teñen conseguido en Pontevedra. "Aquí en Suecia trabállase a mesma temática, pero estamos más atrasados con respecto ao que teñen conseguido en Pontevedra", afirmou, para engadir o interese xeral dos organizadores do congreso por ter a oportunidade de facer unha visita no futuro a Pontevedra porque "pensamos que pode ser un exemplo para aprender".