A ministra de Defensa pon en valor a operación Centinela Gallego: "es muy muy importante la labor de prevención y de disuasión"

Pontevedra
21 de agosto 2023

Margarita Robles realizou este luns unha nova visita oficial á base Xeral Morillo, a primeira na que tivo contacto directo con esta operación, que "funciona muy ben". Pediu colaboración á poboación contra os incendios:  "hay que tener muchísimo cuidado porque estas olas de calor que están viniendo son muy peligrosas"

Visita de Margarita Robles á base da Brilat
Visita de Margarita Robles á base da Brilat / Mónica Patxot

A ministra de Defensa en funcións, Margarita Robles, realizou este luns unha nova visita oficial á base General Morillo de Figueirido. Non era a súa primeira visita, nin moito menos, pero si a primeira na que tivo contacto directo coa operación máis antiga, e unha das máis exitosas, da Brigada Galicia VII, Brilat, Centinela Gallego, de prevención contra os incendios forestais. 

A operación, leva en marcha desde 2007 e este ano empezou o 15 de agosto, é "muy muy importante", en palabras da titular de Defensa, que destacou o "labor de prevención y de disuasión en la lucha contra los incendios forestales".

A propia ministra, en declaracións aos medios de comunicación ao termo da súa visita, explicou que se desprazou ata este acuartelamento para "poner en valor nuevamente el trabajo que hace la Brilat"  e a súa preparación para as próximas misións e para "seguir un poco de cerca" la operación Centinela Gallego. 

Así, lembrou que é resultado dun convenio entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Defensa que "funciona muy bien""Está funcionando en esa labor de disuasión que es importante", explicou, en alusión a que esta misión baséase na alerta temperá de incendios e en tarefas de prevención e disuasión da actividade incendiaria. 

Margarita Robles destacou as "magníficas" relacións entre a Xunta de Galicia e Defensa e aproveitou para facer un chamamento á poboación, concienciando á cidadanía das regas dos incendios forestais e pedindo "que tengan mucho cuidado con la quema de rastrojos". 

Tras lembrar o incendio de Tenerife, que "todo indica que fue un incendio provocado", pediu á poboación: "hay que tener muchísimo cuidado porque estas olas de calor que están viniendo son muy peligrosas". 

A visita da ministra, acompañada polo xefe de Estado Maior do Exército de Terra, xeneral de Exército Amador Enseñat y Berea, comezou cun par de reunións nas que coñeceu o traballo da Brigada e os seus 3.202 efectivos (1.903 en Figueirido, 1.007 en Asturias e 292 en Valladolid) e os detalles da operación de prevención, vixilancia e disuasión contra os incendios. 

Acompañada tamén polo xeneral xefe da Brilat, Alfonso Pardo de Santayana Galbis, coñeceu detalles como que a Brilat e o Terzo Norte de Infantería de Mariña da Armada ten despregados a diario 98 efectivos, 30 vehículos e medios aéreos non tripulados (drons) que vixían durante 24 horas ao día e 7 días á semana tres áreas de traballo nas catro provincias galegas. 

Desde o inicio da operación hai unha semana, os efectivos despregados xa notificaron 23 incidencias, entre as que houbo 10 incendios, 9 conatos, unha queima e tres queimas de restrollos. 

A ministra tamén realizou un percorrido por unha exposición estática cos medios que usa a Brilat nesta operación e outra cos novos medios da Brigada, entre eles, unha ambulancia de estrada e os novos VAMTAC (vehículo de alta mobilidade táctica) adquiridos recentemente pola brigada e que foron construídos en Galicia. De momento chegaron 15 unidades e outras 30 farano nos próximos meses.

A visita incluíu unha incursión na ludoteca da base e contou coa presenza do delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba.