O 52% dos turistas, tanto nacionais como internacionais, que se pasaron polas dúas oficinas de turismo o pasado mes de agosto visitaron Sanxenxo por primeira vez. En total rexistráronse 3.287 consultas, un 10,16% máis que en 2019, ano de cifras de récord turístico en Sanxenxo.
En canto ás oficinas, a de Portonovo situada en Baltar concentrou o maior número de visitantes, concretamente o 31,18% máis que a situada no porto deportivo.
En canto á orixe, a maioría dos visitantes proceden do territorio nacional sendo Madrid (766), Castela e León (436) o País Vasco (482), Cataluña (272) e Asturias (219) os lugares de onde veñen un maior número de persoas.
As oficinas tamén recibiron turistas internacionais, 193, na súa maioría procedentes de Portugal (105) e Francia (54), pero tamén de Arxentina, Holanda, Polonia, EEUU ou Suíza.
Dos 3.287 visitantes que se pasaron polas oficinas en agosto, a maioría situábanse na franxa de idade de entre 35-60 anos e menores de 18 anos, o que resalta o carácter familiar do perfil do turista que elixe Sanxenxo para as súas vacacións. Nestes dous segmentos de idade concéntranse 2.158 visitantes.
En canto ao tipo de aloxamento, o 47,21% elixiron hotel, o 23,24%, apartamento, e o 6,04% cámping.
CAMPIONATOS DE VELA
Sanxenxo acollerá esta fin de semana a 6ª Regata Rey Juan Carlos I O Corte Inglés Máster e desde o luns 13 ata o sábado 18, o Xacobeo 6 mR Europeans 21, un campionato no que participarán embarcacións 31 embarcacións de 10 países diferentes. Dúas citas deportivas que, segundo estimacións do Real Club Náutico de Sanxenxo, organizador dos eventos deportivos, supoñerán 7.430 pernoitas no municipio e un impacto mediático xerado pola presenza en medios de varios millóns de euros.
Ambas as citas servirán de antesala do mundial de vela que se celebrará o próximo ano en Sanxenxo.