A metade dos pacientes ingresados na UCI de Montecelo non quixeron vacinarse

Pontevedra
28 de decembro 2021

Entre os maiores de 12 anos apenas un 5% da poboación da área sanitaria de Pontevedra non quixo vacinarse. Ese 5% representa por tanto o 50% dos pacientes críticos e o 33% dos que están hospitalizados. Ademais, os hospitais de Pontevedra sofren xa o efecto da variante ómicron, que provoca nestes momentos o 83% das PCR positivas. É dicir, catro de cada cinco novos casos

UCI de Pontevedra con pacientes con covid-19
UCI de Pontevedra con pacientes con covid-19 / Pool / Ramón Leiro

Que aquelas persoas que rexeitaron vacinarse contra a covid-19 corren un maior risco ante esta enfermidade é un feito. E, para os que seguen resistíndose, nada mellor que os datos. A metade dos pacientes ingresados na UCI de Pontevedra non están vacinados.

Así o desvelou este martes o doutor Juan Turnes, coordinador de hospitalización covid na área sanitaria de Pontevedra, que engadiu ademais que un de cada tres pacientes hospitalizados en Montecelo tamén se negaron a inmunizarse contra o coronavirus.

Trátase dunha porcentaxe moi elevada, xa que entre os maiores de 12 anos apenas un 5% da poboación da área sanitaria de Pontevedra non quixo vacinarse. Ese 5% representa por tanto o 50% dos pacientes críticos e o 33% dos que están hospitalizados.

Ademais, os hospitais de Pontevedra sofren xa o efecto da variante ómicron, que provoca nestes momentos o 83% das PCR positivas. É dicir, catro de cada cinco novos casos. 

"Xa se completou a transición do variante delta á variante ómicron", segundo apunta Turnes, que recoñece a "preocupación" das autoridades sanitarias "porque non sabemos como vai repercutir isto na hospitalización".

Por agora, a área sanitaria presenta unha "estabilidade" no número de pacientes ingresados con respecto á semana pasada, pero ata dentro de dez días cando se complete o ciclo "non veremos como impacta esta variante nas hospitalizacións".

O que si é patente xa, segundo o coordinador de hospitalización covid de Pontevedra, é a "presión" que o record de novos contaxios, xa superiores aos 400 diarios, está a provocar nos servizos de urxencias e na atención primaria.

A maioría dos novos casos presentan "síntomas leves" pero, matizou Juan Turnes, "son moitos pacientes demandando asistencia sanitaria", polo que as autoridades optaron por "centrar os nosos esforzos" en ambos os servizos.