A metade dos condutores sometidos ao narcotest dá positivo en consumo de drogas

Pontevedra
10 de decembro 2014

Por tipos de substancias detectadas, destacan os positivos en cocaína, con 219 casos. Ségueno en frecuencia o cannabis (172), os opioides (124), as anfetaminas (41) e as metanfetaminas (34) e, segundo os resultados obtidos, moitos dos condutores deron positivo en máis dunha substancia á vez

A Garda Civil de Tráfico de Pontevedra realiza un control de drogas a un condutor
A Garda Civil de Tráfico de Pontevedra realiza un control de drogas a un condutor / Guardia Civil de Pontevedra

Máis da metade dos condutores aos que o Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra someteu aos tests selectivos de drogas deu positivo. Segundo o balance de actividade relativo ao presente ano 2014 facilitado polo Instituto Armado, 372 probas resultaron positivas, o que supón un 53% do total.

Os axentes de Tráfico de Pontevedra realizaron nas vías de comunicación da súa competencia da provincia de Pontevedra 706 probas de drogas a condutores que, aínda que deran negativo nas probas de alcoholemia, si presentaban signos externos de ter inxerido algunha substancia.

Por tipos de substancias detectadas, destacan os positivos en cocaína, con 219 casos. Séguenlle en frecuencia o cannabis (172), os opioides (124), as anfetaminas (41) e as metanfetaminas (34) e, segundo os resultados obtidos, moitos dos condutores deron positivo en máis dunha substancia á vez.

Moitos dos condutores deron positivo en máis dunha substancia á vez

As probas de alcohol e drogas realizáronse tanto en horario nocturno, como de día, coa fin de que os controis fosen disuasorios para evitar a inxestión de bebidas alcohólicas ou drogas.

A Garda Civil aproveita para recomendar aos condutores que durante o Nadal, como xa vén sendo habitual, intensificarán os controis de alcohol e drogas en todo tipo de estradas, e a todos os condutores co obxectivo de disuadilos de conducir cando consuman este tipo de substancias.

Con estas advertencias, a Garda Civil de Tráfico pretende sensibilizar os condutores e crear unha maior concienciación de que non soamente o alcohol e a condución é un binomio perigoso, senón que tamén as drogas e a condución son en moitas ocasións sinónimas de morte.

Recordan que a sanción por conducir con drogas no organismo é de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos no carné, podendo chegar mesmo a ser tipificado como delito, dependendo da sintomatoloxía ou se se ve involucrado nun accidente.