A mestra e política galeguista Daría González suma unha homenaxe en forma de mural

Pontevedra
22 de setembro 2021

O mural deseñado polo equipo creativo de Polo Correo do Vento recolle a vista da ría de Pontevedra e da Illa de Tambo que ten o centro educativo, o Hospital de Montecelo situado ao carón das instalacións, o Carballo de Santa Margarida de Mourente con Frei Martín Sarmiento, a agrupación de música tradicional Os Alegres e un moucho desde o Mirador de O Picoto

Mural no colexio Daria González
Mural no colexio Daria González / Concello de Pontevedra

O CEIP Daría González de Pontevedra súmase ao proxecto 'O teu cole na historia, coñecendo a túa contorna' cun mural no que se rende homenaxe á figura da propia mestra e política galeguista que dá nome ao colexio.

O mural deseñado polo equipo creativo de Polo Correo do Vento (Kike Mauricio e Carlos Taboada) recolle tamén a vista da ría de Pontevedra e da Illa de Tambo que ten o centro educativo, o Hospital de Montecelo situado ao carón das instalacións, o Carballo de Santa Margarida de Mourente con Frei Martín Sarmiento, a agrupación de música tradicional Os Alegres e un moucho desde o Mirador de O Picoto.

Esta intervención artística forma parte dun proxecto da Concellería de Educación co obxectivo de que o alumnado dos colexios de Pontevedra coñezan a historia dos seus centros e acaden unha maior identificación con eles.

Ata o momento, xa se realizaron murais nos CEIP A Xunqueira I, A Xunqueira II, Álvarez Limeses, Froebel, Parada-Campañó, Cabanas (Salcedo), Ponte Sampaio, San Martiño (Salcedo), San Benito de Lérez, Manuel Vidal Portela, Santo André de Xeve; os CEP Campolongo e Marcos da Portela, e as EEI Fina Casalderrey e Verducido.

O concelleiro de Educación, Tino Fernández, avanzou que agora afrontan unha segunda fase na que, ademais do realizado no CEIP Daría González, pintaranse murais nos CEIP A Carballeira, Marcón, Praza de Barcelos e Vilaverde (Mourente) e a EEI Concepción Crespo Rivas.