A Mesa Provincial do Camiño incorpora aos concellos do roteiro Xacobeo do Mar de Arousa e Río Ulla

Pontevedra
22 de febreiro 2022

Sanxenxo, Meaño, Catoira, O Grove, Cambados, Ribadumia, Vilagarcía, A Illa, Pontecesures, Valga, Caldas e Vilanova únense ao órgano promovido pola Deputación

A deputada de turismo, Ana Laura Iglesias, preside a reunión telemática dos integrantes da Mesa do Camiño da Deputación de Pontevedra
A deputada de turismo, Ana Laura Iglesias, preside a reunión telemática dos integrantes da Mesa do Camiño da Deputación de Pontevedra / Deputación de Pontevedra

Os concellos da Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Río Ulla incorporaranse á Mesa Provincial do Camiño promovida pola Deputación de Pontevedra para impulsar as rutas xacobeas da provincia.

Na sesión telemática celebrada hoxe acordouse a inclusión dos municipios polos que transcorre este itinerario: Sanxenxo, Meaño, O Grove, Catoira, Cambados, Ribadumia, Vilagarcía, A Illa de Arousa, Vilanova, Valga, Pontecesures e Caldas.

Así o referendaron os asistentes á Mesa, na que participaron, amais da deputada de Turismo Ana Laura Iglesias, e o xefe provincial de Turismo da Xunta, Felipe Ferrero González; representantes da Guarda, Baiona, Portas, Redondela, Tui, Barro, Nigrán, Pontecesures, Soutomaior, Vilaboa, Valga, Mos, Silleda, Rodeiro, Pontevedra e Caldas.

Como lembrou Ana Laura Iglesias, en anteriores encontros coa presidencia da Mancomunidade do Salnés coincidiuse na necesidade de integrar estes municipios na Mesa Provincial do Camiño, co fin de dispoñer de información dos concellos polos que discorren os trazados oficiais dos camiños na provincia, así como dos proxectos, accións e investimentos para a conservación, valorización, promoción, recuperación, sinalización e xestión dos mesmos.

No transcurso da sesión tamén se puxeron sobre a mesa as distintas actuacións de promoción e posta en valor do Camiño na provincia de Pontevedra ao longo do 2021. Neste senso, a Deputación realizou accións de promoción en todas as variantes do Camiño a través de medios en liña. Recursos como o Pazo de Oca, o Mosteiro de Carboeiro, a fonte termal de Caldas, o Mosteiro de Armenteira, a catedral e casco histórico de Tui ou a ponte de Ponte Sampaio formaron parte das campañas desenvolvidas nas redes sociais de Turismo Rías Baixas así como de medios especializados.

Amais, elaborouse un vídeo promocional das diferentes rutas estreado no Fair Way, o IV Foro do Camiño de Santiago, e que tamén se divulgou unha presentación do destino Rías Baixas en Fitur. Dito vídeo pon o acento na sostibilidade deste recurso turístico e na paisaxe con todos os seus matices como elemento diferenciador de Galicia e da provincia cando se fai o Camiño e se chega a esta terra.

A Deputación tamén levou a cabo actuacións en materia de seguridade peonil, sinalización, mantemento e mellora do itinerario. Así, realizouse a roza de todas as vías provinciais polas que pasan as rutas do Camiño de Santiago e, no caso do Camiño Portugués, acometéronse actuacións de calmado de tráfico en Valga-Martores, Caldas, Portas, Barro (Curro-Portela) e Soutomaior.

Tamén está case rematada a humanización de San Amaro en Barro. Ademais, foron remitidos aos concellos os proxectos dos tramos Tomeza-Figueirido (Pontevedra); Mos-Puxeiros (en Mos), e para a mellora da mobilidade peonil na rúa do Parque en Caldas. 

Doutra banda, a Deputación colaborou noutras actividades nos concellos, como “Meu Camiño, teu Camiño”, da entidade Prado Surf; “Unha aldea de Nadal no Camiño” da Asociación Etnográfica de Codeseda (Lalín); “Navegas Patrimonio Industrial Marítimo Pesqueiro no Camiño de Santiago”, da Fundación para a Pesca e o Marisqueo; "Galicia Escandinava. O Camiño do Oeste a Santiago de Compostela" da Fundación Carlos Casares e o Festival de Órgano no Camiño, da Orquestra Clásica de Vigo.

Actividades ás que hai que unir outras no eido da conservación do Patrimonio, con actuacións nos bens de Silleda, Caldas, Redondela, Lalín, Barro, O Porriño, Soutomaior ou Portas