A Mesa denuncia agresións da Garda Civil na súa marcha en defensa do topónimo "A Toxa"

O Salnés
29 de setembro 2021

A concentración que A Mesa convocara no Grove, ante a celebración na illa da Toxa do Foro La Toja-Vínculo Atlántico, terminou a golpes. Así o revela este colectivo, que denunciou as agresións sufridas por parte de axentes da Garda Civil

Concentración pola deturpación do topónimo "A Toxa"
Concentración pola deturpación do topónimo "A Toxa" / A Mesa Pola Normalización Lingüística

A concentración que A Mesa Pola Normalización Lingüística convocara no Grove, ante a celebración na illa da Toxa do Foro La Toja-Vínculo Atlántico, terminou a golpes. Así o revela este colectivo, que denunciou as agresións sufridas por parte de axentes da Garda Civil.

Nas imaxes difundidas pola Mesa, vese como un axente empuxa ata facer caer ao chan ao presidente desta asociación, Marcos Maceira, que participaba nesta mobilización de rexeitamento á deturpación do topónimo da illa.

Ademais, a Garda Civil tamén reduciu á forza a outros manifestantes ata conseguir disolver a concentración que, baixo a consigna "Na Galiza, en galego", censuraba que se estea divulgando o termo "La Toja" no nome deste foro de debate.

 

Os incidentes producíronse cando os manifestantes, aos que non se lles permitía cruzar a ponte, tentaron situarse no medio da entrada da vía.

A través das súas redes sociais, o colectivo denunciou a "agresividade" mostrada pola Garda Civil e censurou a súa actitude "absolutamente irresponsable e desproporcionada" contra aqueles que "defendemos a nosa lingua de forma pacífica".

A concentración celebrouse na entrada da ponte da illa de Toxa, o mesmo punto onde tamén se manifestaron traballadores da fábrica de Ence, neste caso sen incidentes.