A memoria das mulleres regresa aos institutos de Pontevedra con teatro, rap e conferencias

Pontevedra
24 de abril 2021

Serán obradoiros de rap, representacións teatrais e conferencias sobre a represión e o exilio que buscan promover a reflexión entre o alumnado sobre a historia da cidade desde unha perspectiva de xénero, a partir da figura de mulleres que foron silenciadas

Mulleres xornaleiras de Ponte Sampaio
Mulleres xornaleiras de Ponte Sampaio / A memoria das mulleres

Os centros de educación secundaria que solicitaron algunha das actividades ofertadas polo programa A memoria das mulleres comezarán a desenvolvelas a partir deste luns.

Serán obradoiros de rap, representacións teatrais e conferencias sobre a represión e o exilio que buscan promover a reflexión entre o alumnado sobre a historia da cidade desde unha perspectiva de xénero, a partir da figura de mulleres que foron silenciadas.

O obradoiro de rap sobre memoria histórica foi unha das actividades incluídas neste catálogo o pasado ano co obxectivo de transmitir, a través dun estilo musical contemporáneo, o sucedido en xullo de 1936 e tamén sobre a importancia da linguaxe na transmisión da memoria. 

Este obradoiro é impartido polo pedagogo e coñecido músico galego García Mc e ten unha duración de 90 minutos.

A Aula Municipal de Teatro, pola súa banda, ofrecerá ao alumnado, a través de catro escenas curtas dunha duración total de aproximadamente media hora, unha achega ao cambio que provocou no ensino o golpe de Estado de 1936 e a posterior ditadura franquista, así como á biografía das dúas pontevedresas fusiladas polos golpistas: Consuelo Acuña e Elvira Lodeiro. As escenas están interpretadas por Pilar Boullosa, Begoña Díaz, Alexandra Vicente e Carmen Díaz Rodiño.

A programación tamén inclúe as conferencias "Mulleres pioneiras, heterodoxas e rebeldes", na que María Xesús López Escudeiro fai un percorrido pola historia da cidade en feminino; ou "A represión franquista contra as mulleres" na que Montse Fajardo fala da represión sufrida tras o golpe de Estado de 1936, a través de nomes, biografías e imaxes de mulleres pontevedresas que sufriron cárcere, vexacións sexistas, depuración, exilio ou mesmo asasinato.

En "A Pontevedra exiliada", Montse Fajardo céntrase nas persoas e familias de Pontevedra que se viron obrigadas a exiliarse, pero tamén nos proxectos, nomeadamente educativos, que a cidade perdeu e que agromaron nas cidades de destino; e "As familias do 12 de novembro", tamén a cargo de Montse Fajardo, aborda o estudo da represión franquista na cidade a través da historia dos dez republicanos asasinados na Caeira o 12 de novembro.