A "mellor Semana Santa dos últimos anos" e os mundiais de tríatlon enchen as vivendas turísticas pontevedresas

Pontevedra
23 de abril 2019

Segundo Aviturga, destinos como Sanxenxo ou Poio chegaron a unha ocupación media do 88% durante toda a semana, alcanzado o cheo absoluto nos días centrais de Xoves a Domingo. En Pontevedra, o ITU Multisport Festival, alongará os bos resultados ata principios de maio 

Turistas en Pontevedra
Turistas en Pontevedra / Nacho Fuentes

Os propietarios das vivendas destinadas ao turismo consideran que o último período vacacional foi "a mellor Semana Santa dos últimos anos", que na provincia de Pontevedra materializouse en que destinos como Sanxenxo ou Poio chegaron a unha ocupación media do 88% durante toda a semana, alcanzado o cheo absoluto nos días centrais de Xoves a Domingo.

A valoración realizada por Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia (Aviturga), con sede en Sanxenxo, apunta ao clima estival dos últimos días e ás malas condicións meteorolóxicas no resto do país como responsables destes bos datos.

Así, o clima facilitou as reservas de última hora que fixeron que se chegase case ao pleno en número de reservas. Ademais, engaden que a cidade de Pontevedra rozou o cheo absoluto aproveitando a chegada anticipada dos participantes nos mundiais de tríatlon, o ITU Multisport Festival.

Precisamente, esa competición deportiva está a propiciar que os bos resultados de Semana Santa estean a prolongarse en Pontevedra e as localidades de arredores. Prevese que dure ata principios do mes de maio -as probas terminarán o 4 de maio-

Segundo os datos facilitados por Aviturga, predomina o turista estranxeiro, americano, canadense e australiano.

En relación coa ocupación de Semana Santa, indican que en Cambados alcanzou o 90 %; e en Marín, Cangas e Bueu, o 85 %. O perfil do usuario das vivendas turística é de público familiar ou en grupos de amigos que chegou desde o resto de Galicia, Madrid, Castela-León e Asturias.