A Media Maratón pechará o acceso en coche a sete colexios electorais o 21-O

Pontevedra
16 de outubro 2012

O corte afectará entre as 9.30 e as 13.30 horas. A Policía Local porá en marcha un dispositivo que permitirá, de todas maneiras, o acceso en vehículo de persoas con mobilidade reducida

A coincidencia da Media Maratón Cidade de Pontevedra coa xornada electoral o vindeiro domingo 21 de outubro dificultará o acceso en coche a sete colexios electorais do centro entre as 9.30 e as 13.30 horas. A Policía Local porá en marcha un dispositivo que permitirá, de todas maneiras, o acceso en vehículo de persoas con mobilidade reducida. 

O operativo posto en marcha dende a Xefatura da Policía Local é similar ao deseñado nas edicións anteriores desta proba deportiva, pero a coincidencia coa xornada electoral obligará a reforzar algúns servizos. Participarán axentes municipais e 60 persoas voluntarias.  

A data da Media Maratón estaba fixada con anterioridade á convocatoria dos comicios (en 2011 celebrouse o domingo 23 de outubro), pero, de todos os xeitos, o Concello de Pontevedra consultou coa Xunta Electoral a convenencia de celebrar a proba. Co visto e prace das autoridaes, deseñouse o dispositivo para minimizar os efectos entre os votantes

En concreto, aquelas persoas que por cuestións de saúde o idade non poidan acudir a pé ao seu colexio electoral só teñen que poñerse en contacto coa Policía Local e seralle facilitado o acceso en coche. Tamén se garantirá o acceso de todos os vehículos necesiarios para cumprir cos servizos propios da xornada de comicios autonómicos.

As rúas do percorrido quedarán pechadas dende as 9.30 horas ata o remate da proba

Segundo informou a Policía Local, a proba comeza ás 10.30, pero todas as rúas do percorrido permanecerán pechadas ao tráfico a partir das 9.30 horas. A circulación irase abrindo a medida que remate a proba, mesmo é posible que sexa antes das 13.30 horas.

Co gallo da proba deportiva, non poderán acceder con vehículo ás súas casas os residentes do interior do perímetro delimitado polas rúas Arcebispo Malvar, Condesa Pardo Bazán, Xeneral Martitegui, Riestra, Paseo de Cervantes, Augusto González Besada, Oliva, Rúa Real e Avenida de Bos Aires. Para saír da zona terán que facelo pola rúa Riestra e Augusto González Besada cara a Praza de Galicia.

Ademais, dende o mércores 17 de outubro colocarase valado anunciando que a partir das 22.00 horas do sábado estará prohibido o estacionamento en Xosé Malvar (entre a ponte dos Tirantes e a rúa A Seca), Iglesias Vilarelle (entre Taboada Nieto e Alcalde Hevia) e Pai Fernando Olmedo (entre Pai Gaite e a entrada ao Estadio da Xuventude).

Os cortes de tráfico afectan tamén aos veciños de Monteporreiro, xa que a proba chega ata a praia fluvial, obrigando a pechar ao tráfico toda a Avenida de Bos Aires entre Galera e o acceso a Monteporreiro. A saída do barrio farase pola rúa da Pomba cara á Avenida de Lugo ou a rúa da Seca. A proba obriga tamén ao peche total dos pontes de Os Tirantes, Santiago e O Burgo, de maneira que a saída da cidade cara ao norte se fará a través da ponte da Barca ou a AP-9.

Arquivado en