"A marquesa Vermella" dará nome á Escola de formación en igualdade para mulleres electas

Pontevedra
17 de decembro 2015

A presidenta da Deputación provincial de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou a creación dunha Escola de formación en igualdade para mulleres electas, que levará o nome de María Vinyals e Ferrés, marquesa de Ayerbe

Castelo de Soutomaior
Castelo de Soutomaior / Juan Mejuto

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou a creación dunha Escola de formación en igualdade para mulleres electas, que levará o nome de María Vinyals e Ferrés, marquesa de Ayerbe.

Coñecida popularmente como "A marquesa Vermella" polas súas ideas progresistas no social e o político foi unha das pioneiras do feminismo galego, ao reclamar a formación das mulleres, a súa igualdade xurídica e o voto feminino, entre outros dereitos fundamentais.

María Vinyals e Ferrés naceu en agosto de 1875 no Castelo de Soutomaior que precisamente será a sede que acolla esta escola. "Se as pedras puidesen sorrir faríano pensando que o espírito da igualdade de María Vinyals vai volver a percorrer os seus recunchos", afirmou a presidenta,

A aposta pola igualdade "real e efectiva" de mulleres e homes é unha cuestión prioritaria para o novo goberno da Deputación, asegurou Carmela Silva, e neste obxectivo "a formación é imprescindible porque constitúe un activo fundamental para as mulleres, para as empresas e para a sociedade no seu conxunto".

A Escola Provincial Pública de Formación en Igualdade María Vinyals será un espazo no que ademais de impartir "formación gratuíta e de calidade" en materia de igualdade e pretende ser un "lugar de encontro e intercambio de saber" para as e os profesionais que traballan na loita contra a violencia machista.

A escola está destinada ao persoal que desenvolve o seu labor profesional na provincia de Pontevedra, aínda que reservando un 20% de prazas a persoas desempregadas.

Así, para o ano 2016 está a programar unha serie de seminarios, accións formativas, congresos, charlas, entre outras actividades enfocada a tres colectivos: unha Escola de profesionais contra a violencia de xénero, unha Escola do persoal da administración local e unha Escola de electas.

Esta última iniciativa pretende proporcionar unha oferta formativa de calidade en materia de xestión pública en igualdade para concelleiras, alcaldesas, deputadas, senadoras ou presidentas, pero tamén crear unha rede na que teñan cabida todas as mulleres electas da provincia, independentemente da súa afiliación política, para reflexionar sobre a a súa práctica, compartir experiencias e impulsar a posta en marcha de políticas públicas desde a perspectiva de xénero, para lograr, en definitiva construír unha sociedade igualitaria entre mulleres e homes.