A Mariña Mercante aproba o Plan Interior Marítimo do Porto de Marín

Marín
23 de febreiro 2017

O Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra recibiu este mércores o informe de xestión correspondente ao exercicio 2016, que finalizou cun movemento de mercadoría de 2.343.000 de toneladas, récord histórico para o Porto de Marín  

Porto de Marín nun exercicio de seguridade
Porto de Marín nun exercicio de seguridade / Puerto de Marín

O Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra deste mércores recibiu a comunicación de que a Dirección Xeral da Mariña Mercante aprobou de forma definitiva o Plan Interior Marítimo do Porto de Marín, que obtivo os informes favorables de Capitanía Marítima e Consellería do Mar da Xunta de Galicia. 

Tras a aprobación, desde o porto lembran que o obxectivo do Plan Interior Marítimo do Porto de Marín é establecer mecanismos de resposta rápida e eficaz ante situacións de contaminación mariña na zona de servizo do porto. O plan contempla as medidas para adoptar en función do tipo e cantidade do produto contaminante, a súa localización ou as condicións metereológicas.

O Consello tamén recibiu este mércores o informe de xestión correspondente ao exercicio 2016, que finalizou cun movemento de mercadoría de 2.343.000 de toneladas, récord histórico para o Porto de Marín

Isto supón un crecemento do 9,38% con respecto ao ano anterior. Tanto os graneis sólidos como a mercadoría xeral superaron o millón de toneladas e creceron un 4,33% e un 14,28%, respectivamente.

No capítulo de graneis sólidos, os maiores incrementos déronse na cebada, trigo, penso e sal común. Pola súa banda, na mercadoría xeral destacan as subidas de madeiras e cortiza, material de construción, pesca conxelada ou aeroxeradores.