A Marea Galeguista reclama o dereito á enfermidade profesional das mariscadoras

O Salnés
01 de xullo 2020

A cabeza de lista pola provincia de Pontevedra da Marea Galeguista, Peque González, reuniuse este mércores en Cambados co tenente de alcalde da vila, Tino Cordal, para tratar as problemáticas que afronta o sector do mar e da agricultura. Tamén asistiron ao encontro, Andrés Núñez Rajoy e Berta Roldán, números dous e sete na lista da circunscrición

Membros da Marea Galeguista en Cambados
Membros da Marea Galeguista en Cambados / Marea Galeguista

A cabeza de lista pola provincia de Pontevedra da Marea Galeguista, Peque González, reuniuse este mércores en Cambados co tenente de alcalde da vila, Tino Cordal, para tratar as problemáticas que afronta o sector do mar e da agricultura. Tamén asistiron ao encontro, Andrés Núñez Rajoy e Berta Roldán, números dous e sete na lista da circunscrición.

Cordal sinalou que nos últimos anos houbo unha "falta de atención por parte da Xunta" ante as numerosas demandas dos traballadores do mar, sendo o marisqueo e a pesca "os sectores que máis aportan ao noso PIB, por riba do turismo e por riba do viño".

Nesa liña, Peque González, recalcou que "na reconstrución do país", os sectores agroalimentarios, onde Cambados e o Salnés son referentes, teñen que ser "chave de futuro" polo que consideran que "é fundamental potenciar a industria pesqueira sustentable".

"Temos que estar no Parlamento de Galicia para asegurar que a Xunta de Galicia tome medidas, por exemplo con respecto ás artes menores, para as que reclamamos un estatus específico. Queremos tamén aumentar as competencias da Xunta para regular a actividade desta flota", afirmou a candidata.

Peque González reclamou que se lles recoñezan ás mariscadoras os seus dereitos laborais. "Se estamos na Xunta reclamaremos o dereito á enfermidade profesional das mariscadoras e tamén a cota de reducción na súa idade de xubilación, ao igual que se aplica noutros sectores do mar", comprometeu.

No eido das infraestruturas, a candidata anunciou que "actualizaremos as normativas de Portos de Galicia para optimizar as potencialidades do Porto" e tamén reclamarán unha reforma do mercado Cambados.