A marea engole, por segundo día consecutivo, outro coche no peirao de Corbaceiras

Pontevedra
29 de outubro 2019

Uns turistas manchegos aparcaron o seu vehículo na zona baixa da rampla por recomendación dun gorrilla, facendo caso omiso do sinal que prohibe o estacionamento e sen saber que Pontevedra está estes días baixo os efectos de mareas vivas

Retirada do vehículo inundado nas Corbaceiras / PontevedraViva

Volveu a ocorrer. Por segundo día consecutivo a marea enguliu outro coche estacionado na rampla do peirao de Corbaceiras e mesmo alcanzou a outros vehículos aparcados nunha zona máis alta do porto, aínda que a estes últimos non lles xerou ningún dano.

Segundo a versión de testemuñas e veciños da zona, os donos do turismo máis afectado, o nivel da auga chegou a cubrir case por completo a parte traseira do turismo e superou a roda dianteira. Son dous turistas manchegos que aparcaron na zona media da rampla por recomendación dun gorrilla e facendo caso omiso dos sinais verticais e horizontais que indican a prohibición de estacionar nesta zona.

Foron os propios afectados os que se atoparon coa desagradable sorpresa ao regresar a recoller o seu vehículo. Tras alertar ás autoridades, chegou un guindastre que se encargou de remolcar o vehículofóra da auga e trasladalo a un taller mecánico posto que o sistema eléctrico do Volkswagen deixou de funcionar.

"O limpiaparabrisas, as luces e o claxon empezaron a funcionar sós", detallou unha testemuña, aínda que segundo a opinión dun mecánico que pasaba polo lugar, parece ser que a auga non alcanzou o motor.

Aínda que foi o que levou a peor parte, o coche destes dous turistas non foi o único afectado. Na zona alta da rampla que dá acceso ao embarcadoiro atopábanse varios vehículos estacionados aos que a auga lles chegou ata as lamias.

Pontevedra está estes días baixo os efectos das mareas vivas que fan que o nivel do mar ascenda, segundo Meteogalicia, ata os catro metros con respecto aos niveis da baixamar. Un fenómeno que non é excepcional pero que cada vez que ocorre sorprende aos condutores que a diario deixan os seus vehículos nunha zona prohibida, na que a Policía Local non afai impoñer sancións, pero cada certo tempo é a natureza a que impón a súa lei.

As mareas vivas continuarán este mércores e a partir do xoves os niveis da pleamar irán decaendo ata volver á normalidade.