A marea de pellets esténdese pola ría de Pontevedra e chega tamén a Poio e Marín

Marín
10 de xaneiro 2024

En Poio, o Concello confirmou que detectaron as primeiras boliñas de plástico nas praias de Xiorto e Raxó. "Polo momento é algo moi puntual, moi pouca cantidade", aclaran. En Marín, o Concello deu a coñecer que detectara os primeiros 'pellets' na Coviña e na parte da praia de Lapamán que pertence a Marín

Inspección nunha praia de Poio
Inspección nunha praia de Poio / Concello de Poio

A marea branca de granulados, popularmente coñecidos como 'pellets', está a estenderse pola Ría de Pontevedra. O martes detectouse a súa presenza en praias de Sanxenxo e este mércores chegou tamén a Poio e Marín.

En Poio, o Concello confirmou que detectaron as primeiras boliñas de plástico nas praias de Xiorto e Raxó. "Polo momento é algo moi puntual, moi pouca cantidade", aclaran, pero puxeron en marcha tarefa para a súa retirada.

Así, os voluntarios de Protección Civil xa procederon á súa retirada e o Concello mantense "vixiando moi de preto", pois nas próximas horas as mareas incrementaranse de xeito importante e poden traer máis microplásticos á costa.

Desde o Concello indican que xa trasladaron esta información ás confrarías de pescadores e ás agrupacións de mariscadoras.

En Marín, ás tres da tarde deste mércores o Concello deu a coñecer que detectara os primeiros 'pellets' na Coviña e na parte da praia de Lapamán que pertence a Marín.

Os concelleiros Marián Sanmartín e Pablo Novas, xunto co persoal de Limpeza do Concello, fixeron durante a mañá un percorrido de supervisión e vixilancia e localizaron estes granulados.

Desde o Concello, porase en marcha un protocolo de traballo e limpeza e seguirán facendo un repaso diario ás praias para poder detectar calquera novo rastro.

Segundo a información oficial, alertouse ao 112, que á súa vez deu aviso ao Servizo de Gardacostas, e á Policía Local.

A alcaldesa de Marin, María Ramallo, asegura que "traballaremos na coordinación da limpeza para actuar con rapidez".

Na Ría de Arousa, o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, reuniu a todos os servizos que poden verse implicados diante dunha hipotética chegada de restos de 'pellets' ao litoral do municipio esta fin de semana, unha posibilidade que non se pode descartar tendo en conta a viraxe do vento ao sur.

Decidiuse establecer unha serie de pautas a seguir no caso de que a contaminación chegue ás praias locais. Por esa razón, dende Emerxencias farase un seguimento exhaustivo do estado do mar e dos areais con tres inspeccións diarias, unha a primeira hora da mañá e outras dúas ao cabo do día de acordo co funcionamento das mareas.

No caso de que fóra necesario intervir, todos os servizos e a empresa concesionaria farano de xeito coordinado. Só no caso de gravidade se recorrería ao voluntariado. Con todo, dende o Concello prégase á veciñanza que, en caso de avistar algún resto, dea conta del aos servizos de Emerxencias a través do teléfono 112, de xeito que toda a información estea centralizada. O martes, as emerxencias locais recibiron un aviso que finalmente resultou unha falsa alarma.

Arquivado en