A Asociación Española Contra o Cancro en Pontevedra marcouse o reto de logar un 70% de supervivencia para o ano 2030 e para logralo organiza un ano máis a súa Marcha Contra o Cancro.
A proba presentouse este luns na sede da entidade nun acto no que participaron, Ana García, presidenta da Asociación na provincia; Rafa Domínguez, vicepresidente da Deputación; Anabel Gulías, concelleira de Deportes; e representantes de Construciones Ramírez, Avigal, Mira Maruxa Óptica, Construciones Hermanos Sanz, Caser Residencial e Skoda Mourente Motor, algúns dos patrocinadores desta proba.
Ana García destacou que "grazas á investigación, a supervivencia en cancro actualmente sitúase nun 55,3% en homes e en mulleres no 61,7%", pero desde a asociación marcáronse este reto de superar o 70% de supervivencia para o ano 2030, e para iso hai que dotar de recursos aos investigadores "e garantir que todas as persoas con cancro teñan acceso aos resultados de investigación", apuntou a presidenta da entidade.
A sexta edición desta proba terá lugar na mañá do domingo 6 de outubro ás 10:30 horas partindo desde a Praza de España e axuntando, un ano máis, deporte, solidariedade e moita diversión para todos os públicos.
Por motivos alleos á organización este ano modificarase unha parte do percorrido, debido a que a zona das Marismas de Alba está coas obras de remodelación do Nó de Bombeiros. O percorrido, de 5,3 quilómetros, seguirá albergando a esencia da marcha transcorrendo pola zona vella da cidade e as marxes do río Lérez.
Do mesmo xeito que na edición anterior, desde a entidade animan a que sexa unha proba familiar, aberta a todos os públicos e "pet friendly". Desde a organización recoñecen que "o ano pasado gustou moito a idea de que quen o desexase puidesen ir acompañados das súas mascotas, porque eles tamén son parte das nosas familias e este ano, vendo a gran acollida que tivo esta iniciativa o ano pasado, queremos repetilo".
A marcha contará cun pintacaras a cargo de Ludiland, unha clase de zumba impartida polo instrutor Bruno Hermida e unha visita moi especial dos integrantes dunha das sagas favoritas de pequenos e grandes. Ademais, as persoas participantes poderán inmortalizar ese recordo nun orixinal fotomatón nunha autocaravana de Polaroid Bus.
As inscricións para esta proba, non competitiva, continúan abertas ata o próximo 2 de outubro ás 23.59 horas para quen desexe inscribirse en liña.
De facelo de maneira presencial, as inscricións poderanse realizar ata chegar ao límite de participación na sede da entidade na rúa Eduardo Pondal, 64A, baixo. Tamén se instalarán mesas que se situarán en distintos puntos da cidade desde este mércores 18 de setembro.
As persoas participantes poderán optar por realizar a súa inscrición con ou sen camiseta: os adultos a 12 e 6 euros, respectivamente e os nenos (de 4 a 16 anos), 9 e 3 euros. Os menores de tres anos poderán participar de maneira gratuíta (non inclúe camiseta).
A entrega de dorsais, xunto coas camisetas levará a cabo os días 4 e 5 de outubro na sede da Asociación Española Contra o Cancro en Pontevedra, de 09.30 a 21.00 horas, e o 6 de outubro en zona de saída en horario de 08:30 a 10:00, na Praza de España.