A Mancomunidade de Montes de Pontevedra elixe Xunta Provisional

Pontevedra
02 de novembro 2023

Coa elección desta Xunta Provisional a Mancomunidade de Montes de Pontevedra pretende superar un "período de bloqueo e confusión sobre as prioridades da entidade". Esta etapa durou varios meses e "atrancou o funcionamento da Mancomunidade, provocando o desconcerto das comunidades de montes integrantes"

Nova Xunta Provisional da Mancomunidade de Montes de Pontevedra
Nova Xunta Provisional da Mancomunidade de Montes de Pontevedra / Mancomunidad de Montes de Pontevedra

A Mancomunidade de Montes de Pontevedra celebrou unha asemblea na que elixiu a Xunta Provisional que vai dirixir a xestión desta entidade durante os vindeiros meses. Esta Xunta Provisional está formada por Manuel Casas Macías, de Campañó, como presidente; Xosé Carlos Morgade Martínez, de Mourente, como vicepresidente 1º; Fernando Pintos Pereira, de Salcedo, como vicepresidente 2º; Marcos Rey Pazos, de Verducido, como secretario; María del Puerto Garrido Acuña, de Salcedo, como vicesecretaria; e Roberto Quinteiro Gutiérrez, de Lérez, como tesoureiro.

Coa elección desta Xunta Provisional a Mancomunidade de Montes de Pontevedra pretende superar un "período de bloqueo e confusión sobre as prioridades da entidade". Esta etapa durou varios meses e "atrancou o funcionamento da Mancomunidade, provocando o desconcerto das comunidades de montes integrantes".

A nova Xunta Provisional revisou os proxectos máis urxentes da Mancomunidade neste momento e acomete os traballos pendentes cunha "nova ilusión", ao tempo que prepara unha asemblea xeral ordinaria para finais deste mes de novembro. 

Entre as prioridades están a necesidade de rematar a revisión dos plans de ordenación das comunidades integrantes, imprescindibles para a planificación da xestión dos montes para a década vindeira e que conta co apoio económico do Concello, posto que tamén supón a coordinación co Plan Municipal de Prevención de Incendios.

Outra das prioridades da nova Xunta Provisional é a disposición dun local onde centralizar as súas xestións e reunións, ademais de reunir toda a documentación necesaria e o arquivo da entidade.

Engade tamén outra das súas prioridades que ten relación co Concello é a nova emisión de recibos de  cobramento do IBI municipal polos terreos veciñais, "malia a que a lei establece claramente a exención de calquera imposto territorial por parte das administracións". 

Segundo sinala dende a nova Xunta Provisional "a pretensión do equipo municipal en cobrar irregularmente este imposto xa dura máis de 20 anos" e foi respondida coa presentación de recursos polas comunidades de montes e mesmo varias apelacións aos tribunais de xustiza, con resultado sempre favorable aos comuneiros. "A nova emisión de recibos anuais está a provocar gran indignación nas comunidades, que denuncian a pasividade do Concello para resolver este contencioso", engaden. 

A Mancomunidade de Montes de Pontevedra acolle actualmente a 14 comunidades de montes pertencentes ás parroquias de Bora (Castro-Lampán e O Salgueiral), Campañó, Canicouva, Lérez, Lourizán, Marcón, Mourente, Ponte Sampaio, Salcedo, Santa María e Santo André de Xeve, Tomeza e Verducido. A comunidade de montes de Cerponzóns está preparando a documentación para ingresar como 15º membro da entidade.