A responsable da Unidade de Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, María José Rodríguez, entregou este venres a maleta viaxeira contra a violencia de xénero (MAVI) ao Concello da Lama.
Este proxecto de sensibilización é unha iniciativa promovida pola Unidade de Violencia sobre a Muller da Subdelegación e ten como obxectivo fomentar a igualdade e concienciar sobre a necesidade de seguir avanzando na loita contra a violencia machista.
A xefa da Unidade foi recibida no concello polo alcalde, David Carrera, a quen agradeceu a acollida deste "proxecto baseado na colaboración e implicación dos concellos da provincia". No acto tamén estiveron presentes a directora do Centro de Información á Muller (CIM) municipal, Adriana Fontaíña, e o director do CEIP A Lama, Rafael Sánchez.
Tal e como explicou María José Rodríguez esta iniciativa, que naceu precisamente no Centro Penitenciario da Lama, persigue cinco obxectivos: achegar á veciñanza a lectura sobre temas de feminismo, violencia sobre a muller, empoderamento ou autoestima, etc.; favorecer o pensamento crítico ante os roles e estereotipos de xénero; potenciar a lectura como ferramenta para a igualdade; sensibilizar en materia de violencia de xénero; e promover a lectura de textos escritos por mulleres, de forma que a sociedade teña referentes femininos no ámbito da cultura.
Con cinco maletas viaxeiras en activo, unha delas recala agora no concello da Lama no seu recorrido pola provincia. As outras xa fixeron parada en dezaseis concellos de Pontevedra, ademais do Centro Penitenciario da Lama e o Centro de Inserción Social Carmen Avendaño de Vigo.
A maleta, que contén máis dunha ducia de libros escritos por mulleres, permanecerá no concello tres meses, tras os cales continuará a súa viaxe por outros municipios, casas de acollida, asociacións de mulleres vítimas de violencia de xénero, bibliotecas, centros de información á muller ou servizos sociais da provincia que a soliciten.