A mala combustión dunha cociña de leña acaba con tres veciñas de Ponte Caldelas no hospital

Ponte Caldelas
04 de decembro 2022

Os feitos ocorreron sobre as 9.15 horas da mañá deste domingo nun domicilio da parroquia de Tourón. A cociña de leña provocou a acumulación suficiente de monóxido como para provocar indisposición a estas tres persoas, dúas adultas e unha menor de idade

Dúas ambulancias e unha patrulla da Garda Civil
Dúas ambulancias e unha patrulla da Garda Civil / Mónica Patxot

Tres veciñas de Ponte Caldelas, unha delas menor, tiveron que ser evacuadas ao hospital con síntomas de intoxicación por monóxido de carbono como consecuencia da mala combustión dunha cociña de leña no seu domicilio. 

Os feitos ocorreron sobre as 9.15 horas da mañá deste domingo nun domicilio da parroquia de Tourón.

A cociña de leña provocou a acumulación suficiente de monóxido como para provocar indisposición a estas tres persoas.

A primeira alerta do ocorrido recibiuna Urxencias Sanitarias de Galicia 061, que enviou ao lugar un equipo médico, pero ao chegar para atender ás afectadas, non lograron comunicarse con elas, e pediron colaboración ao 112 para poder acceder ao interior do domicilio. 

O 112 deu a alerta dos efectivos do Servizo de Prevención Extinción de Incendios e Salvamento do Morrazo e á Garda Civil, que lles axudaron a acceder á vivenda.  

As mulleres recibiron unha primeira asistencia no domicilio e foron trasladadas ao hospital con síntomas compatibles cunha intoxicación por monóxido polo gas que se acumulou na cociña.

Despois de ventilar o inmoble, os Bombeiros do Morrazo realizaron as medicións correspondentes para comprobar a mellora da calidade do aire.