"A mal tempo pon a máscara". Con este lema o cartel do entroido pontevedrés reivindica que a poboación se disfrace, que aparque calquera vicisitude e saia á rúa para divertirse. Ademais, o autor, Kiko da Silva, utiliza tamén o formato cómic para a ilustración deste ano.
As viñetas presentan un John Snow demasiado abrigado para a calor; e pola contra a un Tarzán escasamente abrigado para o frío. A choiva é a adversidade para un Gremlim, mentres que un dos tres porquiños atópase ao saír de casa a un lobo do Banco Porco cunha orde de desafiuzamento. A crítica e a sátira destas datas trae tamén a este cartel a un Roelio acosado por feros cans; así como a un constricto axente da SGAE chamando á porta dun pirata. Queda por coñecer o segundo dos carteis deseñados para este entroido, segundo da Silva "será outra quenda de disfraces relacionados con Ravachol, que terá que loitar contra o lume".
Dez días despois do remate das festas do Nadal, en Pontevedra xa comeza o programa do entroido. Así, este sábado 16, recalarán pasarrúas coas Pantallas de Xinzo de Limia. O sábado 30 serán as Madamas e Galáns de Cobres. A chegada de Urco e o seu séquito será o venres 5 de febreiro. A comitiva compañará á persoa que dea lectura ao pregón na praza da Verdura; e previamente no mesmo lugar ofrecerase degustación de filloas.
O sábado 6 será o desfile concurso de Entroido. Para esta edición cambia de percorrido e realizará o traxecto da Cabalgata de Reis: sairá da rúa Teixoeira -entre o 12 de Novembro e Eduardo Pondal- para percorrer Eduardo Pondal, Uxío Novoneira, Cobián Areal, Benito Corbal, praza da Peregrina, Michelena, praza de España e Alameda. Posteriormente na praza da Ferrería haberá festa de entroido, durante a que se darán a coñecer e entregarán os correspondentes premios. (Descarga aquí o avance do programa)
O luns 8 a Asociación Recreativa de Xeve fará na praza da Peregrina, xunto á recreación da Botica de Don Perfecto Feijoo, a presentación de Ravachol e a súa vestimenta para 2016. Será esta xornada do luns cando arrinque a XXV edición do Concurso de Murgas e que continuará o mércores e xoves. O martes 9 será o entroido infantil e unha prolongada velada en Pontevedra -ademais de véspera de festivo local- coa Noite Pirata; longa festa nocturna como a do venres 12 coa XXI edición da Mostra dá Parodia.
O sábado 13 impoñerase o rigoroso loito, para dar a merecida despedida ao emblema do entroido pontevedrés. Primeiro no seu velorio instalado na praza da Verdura e finalmente na súa incineración na Ferrería. Ese mesmo sábado e por segundo ano consecutivo, Campañó recupera o seu entroido tradicional coa Corrida da Rosca. O programa festivo concluirá coas Xornadas sobre o entroido en Galicia, que se trasladan este ano á Casa da Luz o 19 e 20 de febreiro.