A familia Corleone, Lucky Luciano, Al Capone, John Dillinger... os mafiosos máis coñecidos da historia camparán ás súas anchas por Sanxenxo nos próximos días.
A Asociación Lúdica e Cultural O Cubreiro converterá o municipio, o vindeiro sábado 30 de xaneiro, nun gran parque temático e pasará a ser un pobo onde impera a mafia.
Esa é a temática que este colectivo elixiu este ano para a súa tradicional festa de pre-entroido. Os locais de lecer do pobo estarán ambientados na devandita época, pero segundo os seus organizadores neste caso a omertá e a lei seca non se cumprirán.
Todos os que acudan disfrazados a esta festa poderanse converter nuns capos e gánsteres de película e sentiranse parte dos innumerables films protagonizados por mafiosos. Ademais, na praza de Pascual Veiga haberá un photocall para, quen o desexe, se inmortalice ese día e formar parte da historia "mafiosa" de Sanxenxo.
A organización espera repetir o éxito de participación conseguido o ano anterior, xa que é unha festa sen límite de idade onde os participantes poden pasar un intre divertido.
Os interesados en participar en formar parte da mafia de Sanxenxo poden atopar máis información na páxina web da asociación O Cubreiro e no seu perfil de Facebook.