A Lores dálle "un pouco de noxo" que a Xunta recorra a Ence para reformar o Pazo de Lourizán

Pontevedra
22 de abril 2016

Fernández Lores coincide en que o Pazo de Lourizán atópase nun estado "deplorable" e as súas instalacións "se caen a cachos", pero reiterou as dúbidas que lle xera esta colaboración, aparentemente desinteresada, de Ence

Pazo de Lourizán
Pazo de Lourizán / Juan Mejuto

A Xunta de Galicia pretende rehabilitar de forma integral o Pazo de Lourizán, pero con diñeiro de Ence. Así o anunciou este xoves o vicepresidente do goberno galego, Alfonso Rueda. Pero é precisamente este último aspecto o que desgusta ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, ao que lle dá "un "pouco de noxo" que a empresa pasteira poida financiar un proxecto destas características.

Fernández Lores coincide no Pazo de Lourizán atópase nun estado "deplorable" e as súas instalacións "se caen a cachos", pero reiterou as dúbidas que lle xera esta colaboración, aparentemente desinteresada, de Ence.

O alcalde lembrou que a Xunta de Galicia "condónalle" a Ence cantidades millonarias en conceptos do canon de auga e depuración, unhas taxas que se se aplicasen da forma que correspondería supoñería diñeiro suficiente para "facer todas as cousas que ten que facer" a administración autonómica en Pontevedra.

En todo caso, Lores ve nesta actuación un anuncio "electoralista" como consecuencia da inminente cita coas urnas en Galicia. "É moi burdo todo", reiterou o alcalde pontevedrés sobre un compromiso que enmarca dentro dun tipo de política "que leva a un desprestixio importante" de quen a practica.

Este anuncio referente ao Pazo de Lourizán tampouco gustou na Deputación de Pontevedra, propietaria dun inmoble que foi cedido á Xunta. Carmela Silva reiterou o carácter electoral destes compromisos anunciados por Rueda en Pontevedra e Vigo nas últimas semanas, un vicepresidente galego que se converteu, dixo, nun "home anuncio que se pasea pola provincia anunciando cuestións que deberían estar xa en marcha".

Esta forma de actuar, que Silva cualificou como "ridícula", levaría a que se se celebrasen eleccións cada seis meses "teríamos cubertas todas as necesidades de Galicia en lugar de estar a esperar catro anos".

No caso concreto do Pazo de Lourizán, a presidenta provincial lembrou a existencia dun convenio asinado coa Xunta en 1991 polo que se lles cede a totalidade do inmoble e as súas instalacións e plantacións anexas por un período de 30 anos. Nunha das súas cláusulas, lembrou, o goberno galego comprométese a realizar as obras de conservación necesarias para o seu adecuado mantemento.

Por tanto, Rueda "ten a obriga" de rehabilitar o Pazo polo que Silva preguntouse por que nestes nove anos de goberno do PP a Xunta incumpriu esta cláusula. "Por min que o fagan mañán mesmo", sinalou con respecto á súa posible rehabilitación, polo que esixiu á administración autonómica que de forma "inmediata" presente un proxecto para reformar o inmoble.

"Que nos deixemos de chistes, que sexamos serios porque a xente da rúa ten dereito a que os respectemos", engadiu Carmela Silva, que reiterou que a política "é unha cousa seria".

RUEDA CONTESTA A SILVA

A este respecto, o vicepresidente da Xunta, preguntado polos xornalistas nun acto oficial en Pontevedra, asegurou que con ese tipo de propostas a presidenta da Deputación "o que fai é conseguir que non se faga nada".

Alfonso Rueda sinalou que a Xunta utiliza o Pazo, pero a propiedade é da institución provincial e apuntou que "discutindo entre políticos" non se acometen proxectos tan necesarios como este, que trata de buscar solución, afirmou, á necesaria rehabilitación do Pazo "para que a zona colla máis vida e sexa un polo de atracción para máis cousas".