A lonxa de Campelo celebrou esta semana as xornadas MariscaCiencia, unha iniciativa da Consellería do Mar a través do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) da Ría de Pontevedra.
O evento tivo como obxectivo a difusión de resultados de proxectos de investigacións sobre as proliferacións de microalgas tóxicas, sobre a resposta dos bivalvos ás condicións ambientais externas ou sobre a conectividade e modelo poboacional dos principais moluscos bivalvos de Galicia, entre outros, e as súas aplicacións ao marisqueo no fondo da ría pontevedresa.
No marco destas xornadas, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, puxo en valor a importancia de que exista un traballo conxunto entre os centros científicos e os profesionais do mar.
Tamén resaltou as ferramentas pioneiras postas en marcha polo goberno galego, como Redemar, no que sector e os centros de investigación mariña colaboran no desenvolvemento de proxectos con impacto directo na actividade marisqueira e pesqueira.