A lonxa de Bueu instalará un sistema automatizado de poxa por internet

Bueu
19 de abril 2017

Tamén permitirá optimizar os procesos de identificación, pesaxe, etiquetado e venda do produto

Lonxa de Bueu
Lonxa de Bueu / Consellería de Mar

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou este mércores a lonxa de Bueu onde coñeceu os proxectos Cintapesc e Varamar, do Grupo de acción local do sector pesqueiro da ría de Pontevedra. Estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez.

O proxecto Cintapesc consiste nun sistema automatizado de poxa instalado na lonxa de Bueu que, segundo destacou a conselleira, supón unha mellora das infraestruturas e permite optimizar os procesos de identificación, pesaxe, etiquetado e venda do produto. De feito, este sistema posibilita a participación de usuarios non presentes na lonxa mediante a integración de procesos de venda on line e o seguimento das transaccións e actividade de venda por parte do público situado nas zonas de visitas e/ou a través da canle de internet.

A outra iniciativa que visitou a conselleira, denominada Varamar, inclúe diferentes melloras de servizos para a frota no varadoiro de Bueu como un sistema de subministro de electricidade e auga automático, que contribúe á mellora das necesidades para o mantemento e reparación das embarcacións, explicou Rosa Quintana. Así, o obxectivo desta iniciativa é dar o servizo a través duns illotes e accédese a el mediante tarxetas de identificación por radiofrecuencia coa finalidade de non depender de horarios para a súa utilización.

Ambas iniciativas, subliñou a titular de Mar, son promovidas pola confraría de pescadores de Bueu e foron subvencionados pola Xunta no marco da convocatoria de 2016 das axudas a proxectos dos Grupo de acción local.