A loita polo Pazo de Meirás chega a Tik Tok a través de 'A memoria das mulleres'

Pontevedra
19 de xuño 2021

O programa municipal A memoria das mulleres continúa a achegarse á xente moza a través das redes sociais. Leti da Taberna foi a encargada de explicar a través de Tik Tok a loita da sociedade galega pola recuperación do Pazo de Meirás

Leti da Taberna, no vídeo sobre Meirás en Tik Tok
Leti da Taberna, no vídeo sobre Meirás en Tik Tok / PontevedraViva

O programa municipal A memoria das mulleres continúa a achegarse á xente moza a través das redes sociais. Leti da Taberna foi a encargada de explicar a través de Tik Tok a loita da sociedade galega pola recuperación do Pazo de Meirás.

O vídeo é un alegato firme e contundente sobre a reivindicación feminista para que non se utilice a figura da escritora Emilia Pardo Bazán como escusa para impedir que Meirás se dedique á memoria antifranquista, como solicitan os colectivos da memoria.

Leti da Taberna refírese, de xeito breve pero directo, á situación na que se atopa o Pazo de Meirás tras a obrigada devolución por parte da familia Franco e a polémica sobre o destino dos bens mobles, lembrando con ironía que "non foi un aluguer con opción a compra".

Mais onde se centra é no futuro destino de Meirás e na proposta de dedicalo a casa-museo de Emilia Pardo Bazán, asegurando que "se aproveita para un lavado de imaxe" e para "blanquear o fascismo".

Neste sentido, a autora reivindica que "se abra dunha vez por todas a cancela para sacar de alí o fascismo e dar paso á democracia", co obxectivo de "recuperalo e divulgar a memoria para que algo así non volva ocorrer".

Con este vídeo, combínanse as pezas que tratan sobre mulleres pontevedresas e a súa traxectoria con outras que van abordando a actualidade en relación á memoria histórica.