Os contacontos 'Somos iguais. Contos pola igualdade' promovidos pola Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) de Pontevedra no marco do programa deseñado arredor do 8M, Día Internacional da Muller, vanse repetir nos centros educativos pontevedreses debido ao grande éxito acadado.
Así o deu a coñecer este sábado a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco. Asegurou que foron "un rotundo éxito de convocatoria" que, "ademais de facer que nos sintamos moi felices sobre o nivel de implicación e concienciación existentes sobre a importancia que a educación ten na erradicación do machismo, traducirase na repetición" destes contacontos impartidos por Raquel Queizás.
Esta actividade busca formar en valores e actitudes de igualdade ao alumnado dos centros educativos do municipio e a pasada semana chegou ao alumnado de educación infantil dos CEIP A Xunqueira II e Álvarez Limeses.
A programación continuará a vindeira semana. Este luns 25 de abril estará no CEIP Cabanas (Salcedo); o martes 26 irán ao Manuel Vidal Portela; e o venres 29 serán o Daría González.
Seguirán no mes de maio. O luns 2 de maio, na EEI de Verducido; o martes 3, no CEIP San Martiño; o mércores 4, no CEIP de Campañó; o xoves 5 de maio, no CEIP Santo André de Xeve; o venres 6, no CEIP Vilaverde; o martes 10, no CEIP Froebel; o mércores 11, no CEIP Barcelos; e o xoves 12, na EEI Fina Casalderrey.
A concellería e o CIM tamén retomarán a vindeira semana nos CEIP Ponte Sampaio (mércores 27 de abril), Cabanas, Daría González (xoves 28) e Campañó (venres 29) os obradoiros de igualdade 'Libres de estereotipos' e 'Machismo Game Over'.
Tamén terán sesións nos colexios Vilaverde (venres 6 de maio), A Xunqueira I (martes 10) e Santo André de Xeve (mércores 18). T
Este venres comezaron tamén no instituto Valle Inclán os obradoiros de igualdade 'Hackeando ao machismo a golpe de likes' e 'Igualdade nos tempos de Tik Tok', orientados a alumnado de Secundaria e que continuarán o luns 2 e o martes 3 de maio no IES Torrente Ballester e o 8 de xuño no IES A Xunqueira I.
Tamén están previstas sesións dos talleres 'Buzón Vermello' e 'Non é non', para estudantes de FP e Bacharelato, no CIFP Carlos Oroza e no IES Sánchez Cantón nos meses de maio e xuño (en datas aínda por determinar).