Tres meses esperando para que as autoridades retiren un niño de velutina que, ademais, está a crecer de maneira alarmante a cada día que pasa. Así están uns veciños de Bora que, fartos de que os seus avisos caian en saco roto, esixen que se adopten medidas urxentes.
A escasos metros dunha vivenda da parroquia, as velutinas asentáronse nunha torre de alta tensión en activo. O niño foi detectado o pasado mes de xullo, data na que os veciños realizaron o seu primeiro aviso á Xunta de Galicia.
Segundo denuncian, os responsables do programa que xestiona a retirada destes niños responderon de maneira negativa, xa que tiñan que pedir permiso á compañía eléctrica, Unión Fenosa Distribución, para cortar a luz durante cinco minutos.
Desde entón, ao longo de todo este tempo, os afectados realizaron varios avisos máis pero, a pesar da súa insistencia, ninguén se presentou no lugar nin sequera para revisar o niño ou tomar medidas para capturar a estas molestas inquilinas. Tampouco desde Fenosa.
O niño, desde entón, foi crecendo "proporcionalmente", segundo advirten os veciños, tanto en tamaño como na cantidade de avespas desta especie invasora.
As velutinas, relatan os que están forzados a convivir con elas, adoitan pasearse polo xardín da súa vivenda e, a pesar de colocar varias trampas con botellas e atrapar xa unha gran cantidade delas, "seguen aparecendo e reproducíndose".
"Vivimos coas xanelas pechadas", aseguran estes veciños, que afirman que por sorte "non tivemos ningún susto" e, a pesar de que algún dos afectados é alérxico, a ninguén lle picou unha destas avespas. En parte, explican, polo esforzo dos propios afectados por combater esta praga con trampas con mel e veleno.