Doce xinetes, dous axentes de apoio e un subinspector ao mando. Son os efectivos da Unidade de Cabalería da Policía Nacional que colaborarán este verán coa denominada 'Operación Lumes', posta en marcha para reforzar as tarefas de vixilancia e prevención de incendios forestais en Galicia. Chegaron a Galicia, procedentes de Madrid, o pasado día 1 de xullo, e prestarán os seus servizos en 71 concellos galegos.
Segundo destacou o delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez, este grupo prestará servizo nos montes galegos para colaborar tanto en labores de vixilancia como de prevención dos incendios forestais, pero tamén "contribuirán á seguridade no ámbito rural". Trátase da primeira vez que esta unidade traballará en Galicia e farao no marco do dispositivo conxunto posto en marcha pola Xunta e o Goberno central.
No acto de presentación desta unidade a cabalo participaron tamén a conselleira do Medio Rural, Rosa Quintana, o Xefe Superior de Policía, Jaime Igrexas, e o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda. Este último destacou a necesidade de que os efectivos estean "coordinados" entre eles, para que o operativo funcione perfectamente. Ao mesmo tempo, recordou que agora comeza "a tempada máis difícil", dada a subida das temperaturas.
A unidade que se incorpora ao dispositivo de prevención de incendios vén completar o operativo habitual que a Policía Nacional establece todos os anos para a prevención e investigación de incendios forestais. A unidade, que permanecerá en Galicia durante a época de maior risco de incendios, terá dúas sedes, unha en Santiago e outra en Pontevedra e prestará o seu servizo en 71 concellos, en quendas de traballo de mañá e tarde.
Para realizar o seu labor, establecerán un sistema de patrullaxes preventivos nos municipios asignados, con particular atención ás parroquias de especial vixilancia designadas pola Xunta.