A loita contra a violencia machista, ao compás das artistas MJ Pérez e Sofía Espiñeira en Marín

Marín
27 de xullo 2023

As artistas sumáronse este xoves en Marín á loita contra as violencias machistas que promove o programa da Deputación de Pontevedra 'Mulleres en Acción. Violencia Zero'. O concerto, celebrado na Alameda Rosalía de Castro, contou coa presenza da deputada provincial e alcaldesa de Marín María Ramallo. 

Sesión de 'Mulleres en Acción. Violencia Zero' en Marín
Sesión de 'Mulleres en Acción. Violencia Zero' en Marín /

As artistas MJ Pérez e Sofía Espiñeira sumáronse este xoves en Marín á loita contra as violencias machistas que promove o programa da Deputación de Pontevedra 'Mulleres en Acción. Violencia Zero'.

Co seu espectáculo 'Ao meu compás', uniron as súas voces e música acompañadas da percusionista Ailén Kendelman e deron voz a temas propios e alleos co seu propio estilo.

O concerto, celebrado na Alameda Rosalía de Castro, contou coa presenza da deputada provincial e alcaldesa de Marín María Ramallo.  

MJ Pérez é unha das voces do panorama actual da música galega. Iniciou o seu percorrido en 2014 e acumula xa máis de 200 concertos por toda Galicia e Portugal, tendo presenza en festivais e nos principais circuítos musicais da comunidade autónoma, ademais de catro albumes. 

Sofía Espiñeira é unha creadora e artista multidisciplinar que leva unha década desenvolvendo a súa traxectoria arredor do circo, o teatro, a danza e a música. No eido musical, o seu proxecto persoal, que nace no 2016 tras resultar gañadora do II Certame de canción de autor do concello de Teo, baséase en composicións orixinais con tonalidades de raíz e linguaxe propia.

O programa provincial 'Mulleres en Acción. Violencia Zero' está a celebrar este ano a súa oitava edición baixo o lema 'Artistas Aliadas. Mulleres Aliadas' e con 25 accións de 35 artistas programadas por toda a provincia. As vindeiras semanas chegará a Tui, Poio, A Lama, Silleda, Vilagarcía, Caldas, Forcarei e Ribadumia.