O loito polo asasinato machista de Ana Vanessa Serén o pasado sábado en Santa María de Oia chegou este luns ata a cidade de Pontevedra. A Deputación Provincial sumouse ao loito oficial, as bandeiras do Pazo Provincial e do edificio administrativo locen a media hasta durante tres días e as forzas políticas sumáronse a unha concentración e un minuto de silencio organizado na Subdelegación do Goberno en Pontevedra.
A subdelegada do Goberno, Maica Larriba, presidiu a concentración, á que tamén asistiu o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, Simón Venzal; e o comisario provincial da Policía Nacional, Juan José Diaz.
Tanto Lores como Larriba insistiron en que "a loita continúa". É, segundo o alcalde, "unha loita complexa" na que se leva anos facendo un esforzo de formación, información e acompañamento ás vítimas, "pero os obxectivos non se seguen facilmente".
Todos os presentes amosaron a súa repulsa polo crime e quixeron transmitir a todas as mulleres que están sufrindo violencia "que non están soas, que a sociedade maioritariamente está con elas" e en contra dos homes que as matan "simplemente por ser mulleres e porque hai un machismo reinante de moitas anos de evolución que costa traballo revertelo".
"Sentímonos impotentes como sociedade", sinalou Lores. E Larriba engadiu que "seguimos adiante" na loita contra esta "lacra que asasina mulleres polo feito de ser mulleres".
Larriba confirmou que a vítima figuraba no sistema VioXén de atención ás vítimas de violencia de xénero cun risco medio e as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado realizaron un total de 56 actuacións para esta protección, accións tales como comunicación, entrevistas e chamadas.
O asasino non quebrantara en ningún momento as ordes de afastamento e incomunicación. Ademais, a subdelegada do Goberno confirmou que a arma de lume empregada polo asasino, unha escopeta, non consta nos rexistros das Forzas e Corpos de Seguridade nin españois nin portugueses, analizados por causa da proximidade da localidade ao país veciño.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou que a vítima denunciara e que o caso chegou Xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo o 5 de abril, onde se acordou a posta en liberdade do detido e ditouse a orde de protección para a vítima, que incluía protección comunicación e achegamento. O caso non chegou a xuízo porque a vítima relatou dous episodios e o xulgado non dispoñía dos informes necesarios.
O día do crime, o home agardou durante horas no exterior do cámping O Muíño, onde traballaba como responsable do servizo de limpeza. Agardou nunha furgoneta e, cando ela saíu, matouna a tiros coa súa escopeta. Logo, fuxiu e a Garda Civil buscouno por terra e aire ata que chegou a acurralalo. Durante dúas horas, negociaron con el para que se entregase, pero acabou suicidándose coa mesma escopeta.
A nivel provincial, a presidenta en funcións da Deputación, Carmela Silva, condenou o crime e a Garda Civil se sumou ao loito e, como mostra de "dor pola tráxica morte" de Ana Vanessa Serén Pena, suspendeu os actos de celebración do 179 aniversario da fundación da Garda Civil previstos para este martes 6 de xuño en Tui.
En Pontevedra, a voceira do Goberno local, Anabel Gulías, sinalou que, se algo demostra este crime é que "os protocolos non funcionan para protexer as mulleres". Neste caso, non só a muller tiña orde protección, senón que "quen debía protexer as vítimas converteuse en asasino".
"Os protocolos non funcionan e temos que facer un esforzo para cambialos", sinalou Gulías.