A loita antitouradas regresou este sábado ás rúas de Pontevedra. Como xa é habitual nos últimos anos no sábado das Festas da Peregrina, o colectivo Touradas Fóra de Pontevedra convocou unha protesta reivindicativa e contou coa asistencia de decenas de persoas.
"Unidas pola idea de que a tortura non é arte nin cultura", as persoas manifestantes insistiron na súa unión para loitar polo fin das touradas na cidade e este ano centraron o acto na ausencia de Malú Pedrosa, activista fundamental deste colectivo que faleceu o pasado mes de setembro. "Somos moitas, si, mais infelizmente non estamos todas: esta vez fáltanos Malú", lamentaron.
Conscientes de que "a mellor maneira de lembrala é seguir na loita", convocaron de novo esta protesta e lembraron que "os empresarios da tortura animal teñen apoios que non dubidarán á hora de acabar co que xa conseguimos" e prestaron especial atención á Deputación de Pontevedra, que cambiou de goberno este ano, para anunciar que "temos que estar alerta ante as medias que tome o novo goberno" e pola posibilidade de incrementar de novo o financiamento público ou a publicidade ás touradas, que se limitara co bipartito PSOE-BNG.
Tamén seguirán a facer forza para que o Concello acabe dunha vez co convenio que mantén cos propietarios da praza de touros, "unha forma de financiamento indirecto das touradas que non ten xustificación". "Veremos se o talante do goberno municipal muda ou se prefiren seguir a ignorarnos, quizá teñan máis que perder do que calculan", sinalaron.
Despois de percorrer as rúas do centro da cidade, Antía Mariño e Vicky Estévez, representantes de Touradas Fóra de Pontevedra, leron un manifesto que fixo referencia a dous cambios lexislativos que consideran fundamentais para rematar coas touradas: a nova Lei de Benestar animal do Goberno de España e a nova Lei de Protección Animal Galega.
Anunciaron que seguirá a pelexar por unha nova Lei de Protección Animal galega que prohiba as touradas porque "a grande maioría do pobo galego non as quere, nin as defende, nin achegan nada cultural nin economicamente" e "só se manteñen por un empeño ideolóxico do Partido Popular e pola presión do lobby da tortura animal".
Sobre a norma do Goberno central, critican que non inclúe as touradas como maltrato animal e, polo tanto, "blinda as touradas e fai que se poidan seguir celebrando na nosa cidade".
Malú Pedrosa foi a principal protagonista do manifesto, no que destacaron que "fáltanos a voz e a forza dunha compañeira que nos deixou antes de tempo e que estaba implicada a fondo na loita abolicionista desde o inicio" e reivindicaron o seu papel no colectivo, pois "sen a súa entrega, ano tras ano, quizá Touradas fóra de Pontevedra non estaría aquí, e seguro que a loita polo fin das touradas tería menos forza".
Así, destacaron o seu papel no nacemento de Touradas fóra de Pontevedra en 2010 e na loita antitaurina xa desde antes. Dela destacaron que estivo nas manifestacións, nas asembleas, nas conferencias de prensa, na organización de actividades, rodeando a praza de touros, tirando fotos, recollendo sinaturas, en xuntanzas con outros colectivos, colando cartaces na rúa, vendendo material para autofinanciar o colectivo ou en reunións con institucións ou partidos políticos. "Foi unha todoterreno", insistiron.
"A tortura non é arte nin cultura! Tauromaquia, abolición!", rematou o manifesto.