A localidade brasileira de Foz de Iguazú quere ser unha "cidade agradable" como Pontevedra

Pontevedra
20 de setembro 2017

O secretario municipal de Turismo, Gilmar Piolla, visita a cidade de Pontevedra para coñecer polo miúdo o modelo urbano e trasladalo a este espazo en Brasil que é visitado por tres millóns de turistas cada ano

Visita do secretario municipal de Turismo de Foz de Iguazú a Pontevedra
Visita do secretario municipal de Turismo de Foz de Iguazú a Pontevedra / Mónica Patxot

Gilmar Piolla, o secretario municipal de Turismo de Foz de Iguazú, visitou este mércores Pontevedra para coñecer o modelo urbano coa intención de trasladar ideas aplicadas na cidade de Lérez a este punto turístico situado no oeste do estado de Paraná, unha localidade brasileira que conta coa presenza de tres millóns de turistas cada ano.

Piolla que percorreu o centro urbano acompañado polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores indicou que se trata dunha cidade "moi agradable, moi humana" e esa é a idea que queren trasladar para Foz de Iguazú, un espazo coñecido polas súas espectaculares cataratas. 

O secretario municipal de Turismo visitou Pontevedra procedente e Termatalia-2017 que se celebra en Ourense, acompañado polo empresario e xerente de Convention Iguazú, Altino Voltolini. Mantiveron un encontro co director xeral de Urbanismo, Xosé Manuel Tato, para coñecer como se estableceu a transformación urbana de Pontevedra, que foi recoñecida con diversos premios internacionais.