A Xunta de Galicia iniciará a licitación da segunda fase do proxecto de rehabilitación das antigas vivendas dos mestres de Cerdedo a primeiros de 2019, segundo as previsións do Concello de Cerdedo-Cotobade.
Esta segunda fase deste proxecto servirá para restaurar oito vivendas e sairá a licitación por un importe de 750.000 euros. As actuacións suporán unha mellora global nestas edificacións que contan con dous andares con tres habitacións e salón, ademais de zona axardiñada.
Este mércores, Jorge Cubela, presidente municipal, visitaba as dúas casas que xa foron recuperadas acompañado polo delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís.
O Instituto Galego de Vivenda e Solo realizou un primeiro investimento de 353.000 euros para rehabilitar a cuberta xeral e as instalacións comúns do espazo en que se atopan as dez vivendas de promoción pública, situadas na rúa das Longas, recuperando integralmente dous destes domicilios.
Estas casas recuperadas entran agora na fase administrativa para que se adxudiquen atendendo á proposta de inquilinos. A concesión coñecerase nas vindeiras semanas cando remate o proceso burocrático.