Pontevedra xuntará de novo aos fans da cultura friqui e os videoxogos durante toda a fin de semana do 28 e 29 de setembro, días nos que se celebrará a terceira edición Lérez Up.
O Recinto Feiral volverá acoller por terceiro ano consecutivo este evento, que como primeira novidade ve modificada a súa data, quedando fixada para finais do mes de setembro.
Porén, a base fundamental da programación que xestiona a asociación pontevedresa Gaming Troop, seguirá inmutable: torneos de videoxogos recoñecidos a nivel internacional, xogos de mesa, charlas, obradoiros, certame de cosplay, mostra de arte, ilustración e artesanía...
O Super Smash Bros. Ultimate continúa a ser a referencia, xunto co League of Legends ou Valorant. Este ano, ademais, tamén aparece como novidade o Tekken 8, que continúa o legado da famosísima fanquía de pelexas e que chegou a principios deste 2024. Doutra banda, no referido a xogos de mesa, o título de cartas Magic The Gathering contará cun espazo de seu.
A información sobre o programa e as actividades desvelarase aos poucos a través das redes sociais dos organizadores, en Twitter e Instagram baixo o nome de @gaming_troop, e na súa páxina web www.gamingtroop.es/lerezup