A Lei de Estabilidade Presupostaria, que limita a posibilidade de incremento nos gastos das entidades da administración local, penalizou ao Concello de Ponte Caldelas, que, despois dos fortes investimentos de 2018, acaba de ser obrigado a aprobar un Plan Económico Financeiro
A liquidación do orzamento municipal de 2018 supón que Ponte Caldelas incumpriu a regra de gasto (que impide gastar máis que o orzamento anterior máis o IPC) en 666.000 euros e, por tanto, tamén a estabilidade financeira, de aí que teña que aprobar ese plan.
O Concello explica que o incumprimento se debe ao uso de remanentes municipais do ano anterior, o crédito para a compra do balneario e un crédito sen xuros solicitado á Deputación Provincial que foi destinado a obras no rural e ao cambio do céspede sintético do campo de fútbol.
O Concello convocou un pleno extraordinario para este mércores no que aprobará o obrigado Plan Económico-Financeiro para cumprir coa lei estatal. O plan, que non supón a adopción de ningunha medida adicional implica a obriga de cumprir estabilidade e regra de gasto nos anos 2019 e 2020.
O informe de Intervención augura o cumprimento destes parámetros coa simple execución orzamentaria indicando que a execución do orzamento de 2019 nos termos establecidos no mesmo debe presentar un escenario de liquidación con superávit.
O alcalde, Andrés Díaz, critica a "absoluta falta de sentido" dos principios de estabilidade financeira e regra de gasto, unha limitación que mesmo impide aos concellos gastar os cartos que hai en caixa, como os procedentes dos seus remanentes, en beneficio dos seus veciños.
Andrés Diaz considera que é unha "barbaridade" que se impida xestionar con axilidade e atender as necesidades da veciñanza por unha simple cuestión de contención do gasto no sector público, porque o problema do déficit non está nos concellos. No seu caso, amósase "orgulloso" de ter incumprido esa norma e considera que o Plan Económico Financeiro é "unha anécdota".