O Concello da Lama repartirá 200 composteiros individuais e instalará 3 comunitarios por todo o municipio nun proxecto subvencionado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional que foi presentado este mércores polo concelleiro Daniel Vidal.
O proxecto comezará coa repartición, por orde de inscrición, dos 200 composteiros domésticos. Os comunitarios destinaranse ao centro escolar, a bloques de vivendas e á hostalería do centro urbano.
O Concello repartirá folletos informativos e divulgará un vídeo a través das redes sociais para explicar á poboación como inscribirse e como facer compost de forma correcta.
Para inscribirse, os interesados deberán acudir ao Concello ou contactar por teléfono achegando seu DNI e a referencia catastral da vivenda na que se instalará o composteiro. Ademais, os beneficiarios recibirán información e formación para realizar de forma correcta esta actividade tan beneficiosa para a economía local e o medio ambiente.