A Lama reclama "explorar vías" para reforzar a conexión en autobús con Pontevedra e Vigo

A Lama
26 de xaneiro 2024

Analizar a situación actual do transporte público no municipio foi o motivo do encontro que mantiveron o alcalde da Lama, David Carrera, e a xefa territorial de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta en Pontevedra, María Martínez Allegue

Xuntanza do alcalde da Lama coa xefa territorial de Infraestruturas e Mobilidade, María Martínez Allegue
Xuntanza do alcalde da Lama coa xefa territorial de Infraestruturas e Mobilidade, María Martínez Allegue / Concello de A Lama

Analizar a situación actual do transporte público no municipio foi o motivo do encontro que mantiveron o alcalde da Lama, David Carrera, e a xefa territorial de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta en Pontevedra, María Martínez Allegue.

O obxectivo era "explorar vías de mellora" na conectividade da Lama con outras localidades e no propio servizo que se presta aos usuarios do transporte público.

Así, entre outras cuestións, o alcalde demandou una mellor sinalización das paradas ou a cesión por parte da administración autónomica dunha marquesiña e de varios espellos para solucionar problemas de seguridade vial na estrada autonómica PO-241.

Ambas partes tamén abordaron o servizo baixo demanda, a mellora do transporte escolar e a conectividade de A Lama coas dúas grandes cidades da provincia, Pontevedra e Vigo.

Despois deste primeiro contacto cualificado como "moi proveitoso" polas dúas administracións, o goberno municipal agarda que sirva para mellorar o servizo do transporte público no municipio e para optimizar os recursos "para que a veciñanza teña maior capacidade de mobilidade.

Antes de rematar a xuntanza, ambos os dous interlocutores coincidiron na necesidade de seguir celebrando este tipo de xuntanzas entre as dúas administracións para seguir avanzando na mellora do transporte público no rural da provincia.