A Lama quere recuperar As Colonias de Covelo

A Lama
06 de maio 2017

Tras a xuntanza coa presidenta da Deputación, o alcalde da Lama quere implicar a diversas administracións para rehabilitar este complexo para a actividade xuvenil

Jorge Canda nas Colonias, en Covelo
Jorge Canda nas Colonias, en Covelo / Concello da Lama

Jorge Canda, alcalde da Lama, considera positiva a reunión mantida esta semana coa presidenta da Deputación Carmela Silva, a quen lle traslade a súa preocupación polo estado de abandono no que se atopan 'As Colonias', en Covelo. O rexedor ten previsto crear unha comisión para levar a cabo un estudo que permita que as distintas administracións recuperen ese antigo complexo para a actividade xuvenil.

Outro dos temas que tratou coa presidenta foi o da mellora da seguridade viaria na EP-306 e a EP-307, que serán estudadas polo deputado Uxío Benítez, responsable desta área. A intención do alcalde é que se finalicen dous tramos en ambos os viarios coa reposición das sinalizacións e da pintura.

Carmela Silva tamén se comprometeu a estudar coa Escola de Canteiros de Poio unha solución para completar a Estatua ao Emigrante, que se atopa nas Ermitas. O monumento sufriu danos vandálicos e precisa dunha mellora.

Por último, Canda tamén trasladou a Carmela Silva a súa preocupación pola falta de compensación económica desde os fondos do Estado para atender os servizos que se presta desde o Concello da Lama ás 1.400 persoas que forman parte da poboación recluída do centro penal.

Neste sentido, o alcalde espera que tamén se teña en conta esta circunstancia á hora de destinar os fondos do Plan Concellos da Deputación.