A Lama, primeira prisión galega en apostar pola Xustiza Restaurativa, que busca transformar ao delincuente e escoitar á vítima

Pontevedra
24 de setembro 2021

A directora do centro sinalou a "aposta en firme" por esta Xustiza  Restaurativa, que ten como obxectivo a "asunción da responsabilidade delituosa e o entendemento do dano causado á vítima e á sociedade" e tamén "promover a transformación nas persoas orientada a romper o itinerario  delincuencial e evitar así a reincidencia"

Centro Penitenciario da Lama
Centro Penitenciario da Lama / Mónica Patxot

A chamada 'Xustiza Restaurativa', un "complemento á xustiza penal tradicional" que busca transformar ao delincuente e escoitar á vítima, chegou ao centro penal da Lama. O cárcere pontevedrés converteuse neste ano 2021 no primeiro galego en implantala e, nos seus primeiros meses, promoveu dous talleres de diálogo restaurativo tanto no medio aberto do CIS de Vigo como no réxime ordinario no propio penal. 

A directora do centro, Teresa Delgado, deu a coñecer esta novidade este venres con motivo da conmemoración do Día da Mercé, xornada que cada ano se dedica ao recoñecemento do servizo público penitenciario e que, por segunda edición consecutiva, trasladouse á Subdelegación do Goberno en Pontevedra por razóns derivadas da pandemia da covid-19, nun acto presidido pola subdelegada, Maica Larriba. 

Teresa Delgado desvelou durante o seu discurso no acto a "aposta en firme" do centro por esta Xustiza Restaurativa, unha xustiza reparadora que, tal e como lembrou, ten como obxectivo a "asunción da responsabilidade delituosa e o entendemento do dano causado á vítima e á sociedade" e tamén "promover a transformación nas persoas orientada a romper o itinerario delincuencial e evitar así a reincidencia".

Coa posta en marcha desta iniciativa e da participación das persoas condenadas en talleres de diálogos restaurativos, A Lama confírmase como centro de referencia na aplicación de programas de tratamento e iniciativas enfocadas á reinserción das persoas privadas de liberdade na sociedade unha vez cumprida a súa condena. 

A directora do centro realizou especial mención a este traballo durante o seu discurso no día da patroa da institución e destacou que "a pesar das dificultades" derivadas da pandemia da covid-19, na Lama lograron "manter e impulsar" programas de tratamento, a actividade educativa, formativa, cultural, deportiva e ocupacional. Atribúe o logro ao "empeño do persoal", que logrou que o centro siga sendo "un exemplo no campo da rehabilitación e integración das persoas". 

"Só construíndo espazos de tratamento e de reeducación para as persoas que cometeron un delito podemos dar respostas eficaces á sociedade", insistiu Teresa Delgado, que tamén fixo fincapé en que non é suficiente con realizar un traballo individual con cada persoa privada de liberdade, senón que tamén é necesario "conectar coas necesidades do cambio estrutural da sociedade".

Para logralo, segue apostando por implantar políticas de igualdade e incorporar a perspectiva de xénero de forma transversal en toda a vida en prisión e as accións que se programan desde a Dirección. Recentemente, creou un departamento específico de igualdade "co propósito de promover a aplicación efectiva do principio de igualdade entre homes e mulleres".

Consulta aquí a información sobre o Día da Mercé 2021.