Cun acto aberto ao público no salón de plenos, no que se gardará un minuto de silencio en memoria das mulleres asasinadas no transcurso do ano 2022. Así prevé conmemorar o Concello da Lama o 25N, o día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres.
A maiores, a través do Centro de Información á Muller (CIM), impulsarase un programa de actividades para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero, que conta cunha axuda económica da Deputación.
O programa ten un orzamento global de case 11.000 euros, que permitirán celebrar catro obradoiros centrados na prevención da violencia de xénero e no fomento da igualdade de oportunidades.
Os obradoiros que conforman este programa, impartidos por persoal especializado en materia de igualdade, están dirixidos exclusivamente ao alumnado de primaria do CEIP A Lama.
Ao abeiro deste programa tamén se desenvolverá durante o período das vacacións de Nadal o ‘Programa Concilia’, un servizo que dá apoio ás familias da Lama para facilitar a conciliación persoal, familiar e profesional, favorecendo así a corresponsabilidade.
Este servizo está dirixido a nenos e nenas de 3 a 12 anos residentes no concello da Lama.