Un total de oito comparsas, varios grupos con carrozas e música, así como numerosas persoas a título individual e en parella inscribíronse xa no desfile de Entroido da Lama. O Concello espera que sexa o máis multitudinario dos que se celebren na comarca do Verdugo-Oitavén este ano.
O desfile terá lugar este sábado a partir das 17 horas. A festa rematará coa entrega de premios, unha gran chocolatada con rosca e baile amenizado polo grupo La Noche.
Unha vez finalizado o período de inscrición, a organización confirma a presenza no desfile de entroido das comparsas Amoriños de Bora, 100 Tolos, Os Canecos, Os da Cana, As Flores do Entroido, Os Paparrulos, Os Solfamidas e As Sonecas, así como varios grupos de gran formato con carrozas chegados de lugares tan dispares como Marín, Moaña, Poio, Campo Lameiro, Ponte Caldelas, Fornelos de Montes, Pontevedra, Cerdedo-Cotobade e Soutomaior.
Tamén está anotado un gran número de persoas que participan en categoría individual ou por parella no concurso de disfraces dotado de importantes premios en metálico.