O Concello da Lama fai un segundo envío de axuda humanitaria a Ucraína nunha semana grazas á colaboración de varios establecementos comerciais do municipio e, dos voluntarios da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil Oitavén-Tea encargados de trasladar de xeito seguro as doazóns ata a vítimas das guerra impulsada por Rusia.
Os voluntarios volveron encher un furgón co material aportado por veciños e veciñas da Lama coa intención de incorporalo a un camión con axuda humanitaria coordinada por esta agrupación entre os concellos do seu ámbito de actuación: Mondariz, Fornelos de Montes, Mondariz-Balneario, Covelo e A Lama que partirá con destino a Ucraína para ser distribuído no ámbito da atención humanitaria.
Entre o material recollido na Lama, e coordinado polo tenente de alcalde David Carrera, figuran mantas, medicamentos, alimentos para bebés, gasas, cueiros, auga osixenada, alcol, leite en po, conservas ou alimentos non perecedeiros e de longa data de caducidade.
Carrera agradeceu aos voluntarios de Protección Civil o traballo que están a realizar para socorrer ás vítimas da guerra de Ucraína e tamén valorou moi positivamente o espírito solidario dos veciños e veciñas da Lama, así como dos establecementos comerciais colaboradores que desde o primeiro momento se amosaron interesados en aportar axuda humanitaria.