A Lama e Cerdedo-Cotobade explorarán "vías de colaboración" para mellorar servizos

Cerdedo-Cotobade
22 de xaneiro 2024

Esta colaboración foi analizada nunha xuntanza que mantiveron na Lama ambos os dous alcaldes, Jorge Cubela e David Carrera, que defenderon a importancia de impulsar sinerxías entre dous concellos "que sempre se entenderon e colaboraron"

Jorge Cubela e David Carrera
Jorge Cubela e David Carrera / Concello de A Lama

Explorar novas vías de colaboración intermunicipal para mellorar servizos á veciñanza. Esa será a liña de traballo na que avanzarán conxuntamente os concellos de Cerdedo-Cotobade e A Lama.

Esta colaboración foi analizada nunha xuntanza que mantiveron na Lama ambos os dous alcaldes, Jorge Cubela e David Carrera, que defenderon a importancia de impulsar sinerxías entre dous concellos "que sempre se entenderon e colaboraron".

A este respecto, os dous rexedores avanzaron que entre os servizos que estudarán ofrecer de xeito conxunto estarán, entre outros, o Centro de Información á Muller (CIM) ou o sistema de recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos.

Ademais, Carrera e Cubela manifestaron o seu desexo de seguir traballando e buscando fórmulas de colaboración na defensa de proxectos de carácter estratéxicos como pode ser a promoción do turismo de interior no ámbito das Rías Baixas.

Reivindicar infraestruturas e servizos que necesiten os residentes nestes dous concellos, como o recente obradoiro de emprego que compartiron, será outra destas iniciativas conxuntas.