Ata 520.000 euros. É o orzamento que baralla o Concello da Lama para construír no municipio un centro para persoas maiores que funcionará como fogar residencial e centro de día.
Política Social xa autorizou o proxecto, tras unha xuntanza entre a conselleira Fabiola García e o alcalde da Lama, Jorge Canda. A Xunta colaborará cunha achega de 200.000 euros.
Unha vez que o Concello xa dispón dos permisos necesarios poderá agora licitar as obras do inmoble, que albergará un pequeno fogar residencial de seis prazas e un centro de día con capacidade para atender unha vintena de usuarios.
A construción e posterior xestión do centro serán de competencia municipal.
A infraestrutura terá unha superficie aproximada de 300 metros cadrados e incluirá dous espazos diferenciados: un para o fogar residencial e outro para o centro de día.
O reservado para fogar residencial dotarase de habitacións con baño incorporado e na zona que se dedicará a centro de día incluirase un comedor, unha sala polivalente, cociña e outras dependencias necesarias para o funcionamento do centro.