A Lama converterase nun dos municipios da comarca cunha programación máis ampla para conmemorar o próximo 25 de novembro, día internacional contra a violencia de xénero. Está organizada polo Centro de Información á Muller (CIM) do municipio.
As actividades comezarán xa este venres día 17 coa inauguración da exposición Sorrisos Transformadores, na casa consistorial. Trátase dunha iniciativa que conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra.
Outras das actividades que se poñerán en marcha polo CIM será unha charla informativa a cargo de Cristina Palacios, presidenta da Asociación Arela, un colectivo que reúne a familias de menores transexuais. Será o luns 20 de novembro, ás 12 do mediodía, no salón de plenos do Concello.
Unha charla informativa, impartida por persoal do Centro de Recuperación Integral para Vítimas de Violencia de Xénero, tratará de previr e concienciar aos escolares de quinto e sexto de primaria do colexio público da Lama sobre esta lacra social. Será o martes día 21.
Esta iniciativa pretende trasladar dunha maneira pedagóxica un problema real que existe na sociedade e que hai que combater de forma decidida desde todos os aspectos, moi especialmente desde a prevención entre as novas xeracións a través da educación e o coñecemento para evitar que siga presente na nosa vida.
O venres 24 de novembro, ás 18 horas, no salón de plenos do Concello proxectarase Visións, unha película colaborativa que consta de dez curtametraxes realizadas por cineastas da provincia de Pontevedra que achegarán unha visión particular e diferente na que cinema e arte fúndense nunha produción íntima e poliédrica.